CAMELIAS MASCOTAS

Dando a nota coas nosas letras

Para o crecemento de calquera idioma digno de abranguer realidades propias e alleas, cómpre un bo tecido de produción artística e cultural que funcione como alicerce. En Galicia presumimos de nomes sobranceiros nas diferentes pólas: artes plásticas, audiovisual, literatura, teatro… sen esquecer o panorama do vizoso eido musical, ao que lle imos dedicar desta volta un capítulo á parte.

Concerto de Heredeiros da Crus o ano pasado na Porta do Sol | Pablo V.

Como adoita acontecer coa música de tradición oral, é difícil datar con exactitude a orixe; o que si podemos facer no noso caso é sinalar a primeira compilación escrita nos tres tomos que compoñen o Cancionero popular gallego (1885-1886) de José Pérez Ballesteros. Existe certa tendencia a asociar a música na nosa lingua co folclore, pero esa é unha das diferentes caras da música galega. A finais de 1969 ten lugar o inicio dun fito histórico protagonizado polo que o experto Fernando Fernández Rego —autor de Unha historia da música en Galicia. 1952-2018— considera o pai do pop en galego: «O tren» de Andrés do Barro acada a meta do número un das listas de vendas estatais, superando a artistas como Julio Iglesias, Massiel, Víctor Manuel… e mesmo aos catro fabulosos de Liverpool, The Beatles, que daquela transitaban o famoso paso de peóns de Abbey Road. Á primeira canción en galego en ocupar tal posto, sumaríanselle outros deste autor ferrolán en anos sucesivos: «Corpiño xeitoso», «Pandeirada», «San Antón»… sempre co motor da nosa lingua, un mérito que aínda é máis salientable ao ter en conta a situación política que daquela atravesaba o Estado.

REVISTA NOVEMBRO

Nas décadas posteriores foron xurdindo diferentes músicos que tiveron na lingua, sexa cal for o xénero, un sinal de identidade: o folk de Luís Emilio Batallán ou Emilio Cao; o reggae e o ska de Lamatumbá; o punk de Os Raiados, Kaos ou Ollo ó Can; o rock de todas as cores coa movida que cantaban Os Resentidos, a exploración da música negra que propuxeron Os Quinindiolas, os adscritos ao que se deu en chamar bravú: Os Rastreros, Os Papaqueixos, O caimán do río Tea, Xenreira, Yellow Pixoliñas… ou aqueles que sempre se desmarcaron de tal etiqueta, como os Heredeiros da Crus, sen por iso renegar desa cultura popular e ese humor tan nosos. É na década dos noventa cando ten lugar outro fito cultural e social fortemente relacionado con algunhas das devanditas bandas: o Xabarín Club —que o mes pasado fixo 26 anos—, programa da Televisión de Galicia que achegou ás crianzas música variada e de calidade, sempre en galego, con cancións tan imaxinativas como «A onde vas, rapaz?», «Carmiña Vacaloura» ou «O sancristán de Basán», que parecen inimaxinables nun produto infantil de hoxe. Sobre isto, nunha entrevista que lle fixemos hai un ano, comentaba a cantautora María Xosé Silvar, Sés, que a normalización lingüística que conseguiu o Xabarín non a conseguiu a política.

Xa metidos de cheo neste século podemos observar que a música na nosa lingua vai cobrando peso, independentemente do estilo. Outra boa nova é a maior presenza feminina, con artistas como Faia, Guadi Galego, High Paw, Najla Shami, Pauliña, Su Garrido Pombo, Susana Seivane, Xoana ou a xa amentada Sés. Bandas como Familia Caamagno, Oh! Ayatollah ou Terbutalina semellan seguir o ronsel canalla do programa do porco bravo. Nas músicas máis urbanas podemos destacar propostas como Boyanka Kostova, Dios ke te krew ou Melandrómeda. Tamén podemos contemplar na actualidade unha volta á tradición, sempre desde unha perspectiva anovadora, onde destacan artistas como A banda da Loba, Baiuca, Caldo, Mercedes Peón ou Tanxugueiras. Outra vertente que leva décadas apañando admiradores é a de adaptar ou musicar poemas de autores clásicos para levalos ao terreo musical dos intérpretes; velaquí algúns exemplos disto: o heavy metal de Astarot co álbum O sentir dunha terra, o indie folk de Eladio y los Seres Queridos co disco Cantares ou a clásica contemporánea de Son Trío co traballo Miña almiña.

O sector musical é un dos moitos afectados polo efecto da COVID-19, no que artistas, promotores, medios de comunicación, salas de concertos… unha inxente cantidade de profesionais directa ou indirectamente relacionados sofren a caída dos seus ingresos, véndose en moitos casos abocados á ruína que engrosa as listas do paro, por mor da cancelación masiva de concertos e festivais. Oxalá a nova normalidade traia consigo o apoio á industria musical autóctona. Temos que dar a nota coas nosas letras.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.