Galaxia doa o 10% do prezo dos libros ás librarías
Desde o día 11 de marzo a Editoria Galaxia pon en marcha un programa de apoio aos seus grandes aliados: as librarías. A Editorial doará o 10% do prezo dos libros que os clientes merquen a través da súa páxina web á libraría de preferencia dos lectores, que deben indicar a súa preferida no momento de realizar a compra.
Desde a Editorial expoñen que ‘ler é un ben de primeira necesidade, e as librarías, o espazo fundamental que garda e promove as historias que nos emocionan, por iso merecen o noso apoio, o de toda a sociedade’ como motivación para levar a cabo esta iniciativa, que ten como obxectivo paliar os efectos económicos negativos que a crise do coronavirus ten sobre estes negocios tan delicados.
Pola súa banda, algunhas librarías da nosa cidade están dando facilidades aos seus compradores, para incentivar o consumo local e evitar ser devorados polos distribuidores online, que lles gañaron (aínda máis) terreo nos último meses. Por exemplo, a Libraría Cartabón, que conta cun completo catálogo de volumes online, promete entregar as compras realizadas a través da súa web nun prazo máximo de dúas horas, sempre que o comprador se atope na cidade de Vigo. ‘Un paso máis para a vosa comodidade e intentar rematar coa ansia viva antes’, bromean nas súas redes sociais, en relación á sequía de suministro vivida nos últimos tempos.