Numerosas caras coñecidas por unha mesma causa: #yoayudoalbancobueno
O Banco de Alimentos de Vigo lanza a primeira Operación Kilo en liña e vén apadriñada por numerosas personalidades do mundo cultural, deportivo ou da moda viguesa, entre outros sectores.
Ante a imposibilidade de realizar recollidas de comida presenciais con voluntarios nos supermercados durante o estado de alarma e tras dispararse a necesidade entre as persoas máis vulnerables da provincia, a ONG habilitou a compra de cestas solidarias de produtos básicos, a través da súa web: www.bancoalimentosvigo.org. O doante poderá colaborar con tres tipos de cestas con alimentos por importe de 10€, 20€ e 30€, así como poderá fixar unha cantidade de diñeiro calquera que tamén se traducirá na adquisición de comida.
Baixo o cancelo #yoayudoalbancobueno, a campaña deseñada xorde para dar resposta á inquedanza solidaria dun grupo de Whatsapp con integrantes destacados da nosa cidade. A escritora Ledicia Costas, o surfista Gony Zubizarreta ou o xornalista Gonzo (padriño do Banco de Alimentos en 2016). Eles son algúns dos rostros coñecidos que encheron a rede coas súas fotos pero non son os únicos: Antón Duran “Morris”, Tony Lomba, Woyza, Francisco Castro…. e un longo etcétera. Incluso o actor Agustín Leirós destinará o recadado coa súa webserie a esta causa. Cada mércores estrea un capítulo novo da serie de humor Cuarentrena coa que poderemos mercar entradas solidarias a través de Envenbrite.
Unha fermosa iniciativa que a Fundación Provincial de Banco de Alimentos agradece publicamente e anima á cidadanía a realizar as súas doazóns ante o incremento constante de petición de comida de primeira necesidade.