Xosé Cermeño: “Pratos Combinados foi un éxito inesperado, non se cría que unha sitcom en galego e en Galicia funcionase”
Pratos Combinados foi unha das primeiras series da Televisión de Galicia, tamén unha das que máis éxito acadou. Un referente para todos nós, que estivo en emisión máis de once anos. Agora a TVG o repón os martes ás 23.30 horas para facer o tempo de confinamento algo máis levadeiro. Xosé Cermeño é o creador desta serie, falamos con el.
Como naceu a idea de crear Pratos Combinados?
Eu fixen a primeira serie da TVG que estaba remotamente baseada nalgúns relatos de Cunqueiro e se titulaba ‘Os outros feirantes’, a fixeramos con actores coñecidos como Alfredo Landa, Santiago Ramos, Rosi de Palma… Aquela serie quedara bastante digna de imaxe e se retransmitiu moitas veces. Uns anos despois, no 95 e vendo o éxito de Farmacia de Guardia en Antena 3 a galega propúxonos facer unha telecomedia en Galicia e en galego.
E creaches Pratos Combinados.
En poucos días inventei a situación de partida: un matrimonio, que volve da emigración e monta un bar. Son elementos moi recoñecibles, un pouco tópico tamén, aínda que intencionado, e todo envolto nun humor un pouco absurdo.
E funcionou.
No 95 comezamos a gravar episodios de media hora que funcionaron bastante ben desde o principio e xa na segunda tempada a serie explotou e foi un éxito moi grande. De feito, fixemos arredor de 300 episodios, estivemos gravando episodios de Pratos Combinados 11 anos, ata o 2006 e despois a serie aínda seguiu en emisión uns anos máis porque a TVG repuña moito os episodios. Houbo algún ano que chegamos a ter 150 horas de emisión de Pratos Combinados.
Que balance fas ti?
Unha das cousas que estou máis satisfeito é de que abrimos un camiño. Pratos foi a primeira e tivo éxito e grazas a ese éxito despois viñeron outras. Foi un éxito, naquel momento inesperado, para moita xente había pouca expectación de que unha sitcom en galego en Galicia i en España en xeral tivera éxito, porque se consideraba que era un xénero moi americano e que ía ser difícil que algo dese tipo feito aquí tivera éxito.
A que cres que se debeu ese éxito?
Creo que a xente lle gustou porque desenrolaba unha situación moi identificable para moita xente e porque desenvolvía eses argumentos con moito humor, era un humor moi subliñado, nalgunhas cousas un pouco elemental pero que ao mesmo tempo tiña unha personalidade propia. Na tele hai dúas cousas fundamentais os guións e os actores. E tiñamos un grupo de actores fantástico.
Si, de feito moitos dos actores que aparecen en Pratos son hoxe en día referencia do cinema galego e tamén en España.
Para todos ou case todos eles foi a primeira experiencia na televisión, eu tiña a sorte de coñecer ben aos actores galegos. Conseguín formar un reparto que era sólido e era bo en todos os sentidos, primeiro porque eran estupendos actores de comedia e eran moi profesionais e despois tamén porque eran un grupo de xente que tiñan boa relación entre eles, había sempre moi boa química no estudio de gravación. Algúns como Morris, Ernesto Chao ou Mabel Rivera tiñan un currículo anterior no teatro, xa eran actores. Pero a serie deu a oportunidade a moitísimos outros como María Castro ou Cristina Castaño.
Máis de 10 anos facendo unha mesma serie, un non se queda sen ideas?
A verdade é que non porque os personaxes van evolucionando na medida que o mundo vai cambiando. Nos comezamos a facer a serie nun mundo no que non había teléfono móbil e no que as persoas que tiñamos Internet en Galicia non pasábamos de 1000; catro ou cinco anos despois o teléfono móbil e Internet convertéronse en algo común. Ao final do que se trata é de estar cos ollos abertos e ver que pasa arredor.
Pratos é unha serie para ver en familia, parece unha boa idea que a repoñan xusto agora nestes tempos que estamos vivindo.
Esta semana repuxeron o primeiro capítulo na TVG e para a miña sorpresa deu un resultado estupendo. Porque os capítulos feitos hai 25 anos, vistos hoxe están moi pobres de luz, de produción, ten un aspecto moi pobretón… Pero a pesar de todo, deron moi bo resultado.
Esta reposición de Pratos Combinados tamén é unha boa maneira de recordar a Ernesto Chao que nos deixou hai un par de anos.
Ernesto era un estupendo actor, moi versátil fixo esta comedia comigo durante moitos anos pero fixo moito teatro con personaxes dramáticos estupendos.. era o tipo máis profesional que eu teño visto. Unha persoa moi entregada ao seu traballo, chegaba sempre ao estudio de gravación con todas as páxinas aprendidas. Moi bo compañeiro, axudaba moito aos novatos e tamén aos veteráns porque como era dos que preparaba moito os guións a cabeza dáballe para saber como tiña que facer a súa parte e axudar aos outros. A verdade que era estupendo tanto no profesional como no persoal.
Agora que series galegas como O sabor das margaridas obteñen recoñecemento internacional, como valoras ti a situación do audiovisual galego?
Estamos nun momento complicado porque a competencia das plataformas é moi grande e iso fai que os resultados de emisión na TVG, que é de quen depende en primeira instancia a financiamento de producións autóctonas, non sexan tan bos. Hai quen consigue abrir a porta de traballar con outros produtores como é o caso de Hierro, dos irmáns Coira que a fixeron con Movistar. Pero conseguir o interese dos produtores levoulles anos… A tele perdeu moito interese pola produción de series porque é un produto caro e que despois non sempre dá grandes audiencias. Agora mesmo, nas televisión xeneralistas están dando mellor resultado de audiencias os programas de entretemento, os realities… e non as series.
Como produtores é complicado entrar a traballar con estas plataformas porque hai moita competencia, non si?
Si, hai moitísima e o camiño é longo para captar a súa atención. En xeral, creo que non nos esperan grandes tempos de produción de ficción en Galicia na televisión. Se conseguimos seguir abrindo camiño haberá un futuro, pero no que depende exclusivamente da TVG non son moi optimista porque somos caros e audiencia está cada vez máis fragmentada.