CAMELIAS MASCOTAS

A Orquesta Clásica de Vigo presenta MIRADAS, o seu programa ata maio

A Orquesta Clásica de Vigo presentou este venres 7 de febreiro a súa tempada 20.1, un ciclo de tres concertos de música sinfónica que terán lugar no Teatro Afundación ata o mes de maio. Os abonos xa están á venda na seguinte ligazón ou na libraría Versus.

Como novidade, este ano a Orquesta Clásica de Vigo dividiu a tempada en dous semestres para facer o abono máis accesible e flexible para o público. Parece que a iniciativa está a funcionar, xa que xa levan 70 abonos vendidos, mais esperan poder chegar a moita máis xente. A tempada preséntase baixo o título “Miradas”, busca ofrecer unha visión aberta e actual da música sinfónica a través dunha mirada crítica ao pasado, a modo de homenaxe aos nosos avós e avoas. De feito, a imaxe corporativa deste novo ciclo estará formada por fotografías sacadas do arquivo Pacheco.

Baixo esta premisa, a tempada enténdese como un único fío conductor no que se coonxugarán obras de distintos estilos e autores para ofrecer unha lectura única da música sinfónica. En marzo buscarase tecer pontes entre dous artistas moi distantes: o Concerto para piano e orquestra de Grieg, interpretado pola pianista galega Berta Fresco. Completarase o programa co Sombrero de Tres Picos, de Manuel de Falla. Será o sábado 14 ás 20:30, á mesma hora que para os outros dous concertos.

REVISTA NOVEMBRO

O 16 de abril tócalle o turno ao clasicismo, ofrecendo unha lectura que contraste a Haydn con Mozart, artista do que interpretarán o Concerto para Arpa, Frauta e orquestra da man do dúo de artistas locais Marta Comesaña e Alba Barreiro. Un concerto único no que destacarán estes dous instrumentos tan singulares.

En maio, o sábado 16, pecharán a tempada 20.1 por todo o alto interpretando o Concerto para Violoncello e Orquestra de Elgar, para este proxecto contarase co prestixioso violonchelista internacional Guillermo Pastrana, e a Sinfonía Italiana de Mendelssohn. Ademáis todos os concertos contarán cunha abertura de Beethoven, autor do que celebramos o 250 aniversario do seu nacemento. Búscase así evitar a saturación típica das celebracións pero sen esquecer ao mestre universal.

A escolla de todos estes solistas responde a busca do equilibrio entre o talento local emerxente e o nacional e internacional máis consolidado. Por último, cada un dos tres concertos contará coa estrea das obras gañadoras doconcurso CreaClásica 2019, organizado pola Orquesta Clásica de Vigo en colaboración coa Fundación SGAE. Tras o verán e os concertos de rúa, a Orquesta volverá ao teatro en outubro coa Tempada 20.2. Tamén lembrar o concerto que realizarán a favor da organización Oxfam Intermon o próximo 29 de febreiro no teatro Salesianos.