VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Wöyza e The Bo Dereks actuarán na 19º edición dos Premios Maketón

Hoxe déronse a coñecer os finalistas da 19º edición dos Premios Maketón que se celebrarán este sábado na Iguana Club e que contarán coas actuación en directo de The Bo Dereks e Wöyza.

Esta fin de semana ten lugar unha das citas máis importantes da música local: os Premios Maketón Maeloc. Esta mañá coñecemos aos finalistas nas seis categorías a concurso: mellor disco auto editado, mellor disco, mellor directo, mellor produtor, mellor videoclip e premio á traxectoria musical. Por cada categoría hai cinco nominados e o sábado en estrito directo coñeceremos os galardoados, que serán escollidos por un xurado formado por Salva Ronko, Xosé Otero e Emma Placer. Todos eles estiveron presentes no evento de presentación e quixeron resaltar a calidade da música local. “Nos 80 Vigo situouse no mapa musical da península pero desde entón os grupos non deixaron de emerxer e na actualidade hai moitísimo nivel. O mellor de todo é que hai relevo xeracional, porque os máis novos veñen pisando forte”, sinalaba Otero. Salva Ronko fixo fincapé sobre a calidade dos videoclips, “unha categoría que se introduciu hai uns anos e na que agora compiten verdadeiras obras mestras”.

Algúns dos compoñentes dos grupos nominados tamén participaron na presentación. Todos se manifestaron moi emocionados coa nominación, un recoñecemento ao traballo feito que non sempre é un camiño doado. Alí mesturáronse veteranos como os Frying Luras con artistas noveles como Xoana, aínda que ambos veñen de publicar o seu primeiro disco no 2019. En representación da produción estaba Pablo Álvarez de Midi Música que agradeceu ao Maketón o dar luz a un sector que normalmente pasa inadvertido. E outros grupos como Hellen & Shana, Family Folks ou Maldito Murphy que representan ben, a variedade musical da que gozamos na cidade.

O evento dará comezo ás 22.30 coa actuación de Wöyza que vén de lanzar o seu último disco Tábula Rasa, unha triloxía en verso na que conta unha única historia da parte máis escura dunha relación en parella. Tras coñecer os gañadores nas diferentes categorías, The Bo Derek´s serán os encargados de poñer o fin de festa, entoando as cancións do seu álbum 10. As entradas para acceder son gratuítas e xa se poden conseguir en Los40 Vigo, La Iguana Club e La Tita Rivera.

NOMINACIÓNS NAS DISTINTAS CATEGORÍAS

Mellor disco auto editaco local:
Hellen & Shanna: Tempo. Lo&ve Records
Presumido: Cuatro Estaciones. Presumido Records
Xoana: Dardos. Inquedanzas sonoras
The Soul Jacket: Plastic Jail. Rock Cd Records
Rober Carcos: 96

Mellor disco de grupo local:
Budiño: Fulgor. Arredor Records
Villanueva: Cuarto de invitados. Son Buenos
Family Folks: The Anvil Sea. Gaztelupeko Hotsak
Fon Román: La chispa, la llama y el humo. Warner Chapell Music y Altafonte
Los Marcianos: Contra el mundo. Clifford Records.

Mellor directo de grupo local:
Ex Hedera
The Bo Derek’s
Stasia Momento
Maldito Murphy
Indy Tumbita & The Voodoo Bandits

Mellor produtor local:
Pablo Iglesias: Radar Estudios
Pablo Álvarez: Midi Música
Paco Serén: Eclipsis CenStudio
Javier Abreu
Luis Antelo: Estereoarte

Mellor videoclip de grupo local:
Atlantic: Inmortales
Villanueva: Horizontal
Wöyza: Agua sucia
Igloo: G7
Kyotto: My own

Premio a traxectoria musical:
Teo Cardalda
Frying Luras
Bernardo Vázquez
Alberto Cunha
Tono Alcalde

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.