O proxecto multidisciplinar ‘Sonoro Empeño’ combina música e artes plásticas
Sonoro Empeño, a nova exposición de Afundación, mestura a mostra de obras pictóricas e escultóricas con diferentes actividades para todos os públicos, creando unha simbiose única entre artes plásticas e música. Inclúe obras de Picasso, Kandinsky, Xaime Quessada, Castelao, Urbano Lugrís ou Rafael Úbeda. (Fotos: Pablo V.)
Desde hoxe e ata o 4 de xaneiro podemos visitar na Sede Afundación Sonoro Empeño, unha exposición formada por 51 pezas que teñen na música, de forma directa ou indirecta, a súa protagonista. Paralelamente á mostra desenvolverase un amplo programa de actividades que se estenderá ata o mes de xaneiro, co propósito de transgredir o concepto tradicional de exposición e crear un proxecto multidisciplinar que combine o lúdico, o didáctico e o interactivo.
Os obxectivos fundamentais con esta nova proposta, formada a partir das coleccións de Abanca e Afundación, son dous: estender a programación máis aló da propia exposición, amosando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e desenvolver a actividade cultural fóra dos espazos que tradicionalmente a acollen.
A mostra está dividida en catro seccións segundo o seu concepto o temática: iconografía musical, festas e danzas, a música na infancia e a sinestesia. As pezas no seu conxunto abordan este diálogo desde diferentes perspectivas, en forma de reflexións que acompañan ao visitante ao longo de todo o percorrido.
Ademais das visitas guiadas todos os xoves ás 19:00, a programación de actividades de Sonoro Empeño vén do máis cargada: ao longo destes meses haberá música en directo na propia sala de exposicións da man de Hércules Brass, Red Vox Gospel Choir e Carlos Quintá coa aula de acordeón diatónico da E-Trad. Do 16 de outubro ao 20 de novembro terá lugar un ciclo de cinema formado polos filmes Mr Turner, Loving Vincent, La dama de oro, Big eyes e El profesor de violín. Por último, para as crianzas, haberá distintos obradoiros de instrumentos musicais reciclados e o concerto de Percubebé, ademais das visitas para escolares, desde infantil a bacharelato.