CAMELIAS MASCOTAS

Vigo Contra el Cáncer prepárase para a súa edición máis multitudinaria

O próximo día 20 de outubro celebrarase a 7ª edición da carreira Vigo Contra el Cáncer, que este ano variará de percorrido ao preverse unha afluencia de 5000 participantes. A recaudación irá destinada ao proxecto OCTOPUS, centrado no cancro de pulmón.

A segunda carreira con máis afluencia da cidade, despois da San Silvestre, volverá a inundar Coia de deporte e solidariedade. As inscripcións para a VII carreira Vigo Contra el Cáncer, que avanzan a moi bo ritmo, poderanse realizar ata o xoves 17 ou ata que se alcancen os 5000 participantes, algo que ten pinta de que vai suceder máis cedo que tarde. As inscricións poden realizarse na web da Asociación ou de maneira presencial na planta de deportes de El Corte Inglés. A recollida de dorsais será o sábado 19 neste centro comercial ou o día da carreira na propia Explanada de Coia.

REVISTA NOVEMBRO

Haberá dúas modalidades: a de 5 quilómetros, non competitiva, e a de 10, xa de carácter competitivo, enmarcada no circuíto de carreiras RunRun Vigo. Calquer participante recibirá o seu dorsal e unha camiseta conmemorativa desta VII edición. Tamén será habilitado un Dorsal 0, para todo aquel que queira colaborar e non poida acudir á carreira.

Debido á gran participación que se espera este 20 de outubro, a organización viuse obrigada a variar o percorrido para garantir a seguridade durante a proba. Este sairá desde a Explanada de Coia dirección Avenida de Europa ata un pouco máis adiante da Fundación Sales, onde dará a volta ata Praza América e de novo á Explanada. No caso da proba de 10 quilómetros, as persoas participantes deberán relizar dúas voltas a este circuito.

O 90% dos cartos recadados irán destinados ao proxecto de investigación OCTOPUS (Oncoloxía Customizada para Tratar Os PUlmonS), centrado no cancro de pulmón. O obxectivo deste proxecto, levado a cabo por grupos do hospital Álvaro Cunqueiro, Universidade de Vigo e Universidade de Santiago, é o de determinar o mellor tratamento posible para cada paciente diagnosticado de cancro de pulmón avanzado en base ás súas características xenéticas usando unha simple pinga de sangue. O outro 10% irá para a realización de diversas actividades e excursións cos nenos e nenas da Área de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.

(GMT+01:00) Avenida Castelao