Sara Barbazán álzase co VI Certame de relatos Vigo Histórico
Esta mañá, na Casa da Cultura, déronse a coñecer todas as persoas galardoadas no VI Certame de relatos Vigo Histórico, onde destacan o primeiro posto de Sara Barbazán con Cerrado por defunción e o segundo de Rosendo Cid, con La ventana. O libro con todos os relatos seleccionados verá a luz o mes que vén.
Xa coñecemos todos os relatos seleccionados e premiados deste VI Certame de relatos Vigo Histórico, un concurso xa asentado na nosa cidade que este ano recibiu unhas 170 historias de diferentes partes de Galicia, España e Latinoamérica. O xurado, formado por unha serie de profesionais multidisciplinares como Jacobo Buceta, Ledicia Costas, Antón Pulido, Bieito Ledo, Concepción Varela, Patricia Meira, Noelia Otero, Julio Alonso e José Luís Mateo, deron a coñecer hoxe o seu fallo despois de moito meditar as súas decisións, debido ao bo nivel dos relatos presentados.
A gañadora desta sexta edición consecutiva do certame foi Sara Barbazán co seu relato Cerrado por defunción, un escrito de ciencia ficción que mostra un Vigo oculto e escuro. Pola súa parte, Rosendo Cid Menor fíxose co segundo premio con La ventana, un relato que nos ensina como unha falcatruada pode provocar unha serie encadeada de sucesos. O premio será de 1000€ e 500€, respectivamente.
Ademais dos vencedores, atopamos catro accésits ás obras de Pilar Ortega, Miguel Cuervo, Julia Tomé e Andreia Costas, que serán retribuídos con 200€ cada un. A maiores destas seis obras, no libro Relatos na Rúa VI, que verá a luz nos próximos meses, atoparemos 21 relatos máis de todo tipo e xénero. Este libro, con cuberta obra do grupo de deseño da Fundación Igual Arte Diseñatas, será presentado nunha gala na que se entregarán todos estes premios, con data aínda por concretar.