CAMELIAS MASCOTAS

Falamos con Juan López, organizador da Festa do Marisco

Aínda que xa onte estaba operativa, hoxe inaugurouse oficialmente a Festa do Marisco, e xa son 17 anos enchendo de sabor o porto do Berbés. Falamos con Juan López, organizador do evento, sobre o cambio de imaxe, a elección de Touriñán como pregoeiro, os produtos gastronómicos ou as actividades infantís e musicais.

Juan López, organizador do evento | Pablo V.

Entre as novidades deste ano atopamos o cambio de imaxe co cartel de Luis Davila.

A imaxe da festa cambiou radicalmente. Cremos que Davila é un dos maiores representantes do humor gráfico tanto a nivel local como rexional. Ese toque de humor que sempre ten Luis, expresado na Festa do Marisco, cremos que a montaxe que fixo é realmente bonita e rechamante.

E que outras cousas novas imos atopar estes días no Berbés?

Aumentamos a variedade de produtos que podemos dar a degustar, apostamos pola xente que defende a calidade do produto, como é a cociña xaponesa. Tamén temos algún tipo de fritura sa de peixes diferentes e xeados artesás de moi boa calidade. No referente ao entretemento, aumentamos os xogos populares desde o venres ata o domingo e fixemos unha zona para os máis cativos, onde tres cuidadoras realizarán unha serie de talleres de chapas, maquillaxe ou globoflexia.

Este ano existe unha forte aposta polo humor, porque ademais do cartel de Davila está como pregoeiro Xosé Antonio Touriñán.

Loxicamente. Igual que Davila é un referente no humor gráfico, Touriñán o é no seu, pouco máis hai que dicir del. É un home que transmite alegría, ten a capacidade chegar á xente e pensamos que é a que mellor se adapta a este cambio de imaxe da festa.

Cal é o produto máis demandado nestes días?

REVISTA NOVEMBRO

Como hai tanta variedade é difícil sinalar un só como produto estrela. As familias o que máis adoitan consumir son grandes mariscadas. Tamén teñen moito éxito os arroces, as pranchas, as empanadas, o polbo… Por destacar algunha, as mariscadas que son o principal da festa, e os arroces de marisco.

Fálanos un pouco da oferta musical.

Sempre vai haber música de acompañamento de fondo, pero a maiores haberá musica en directo. Hoxe estará a charanga Vai de Baile amenizando o mediodía. Á tarde noite estará o grupo Club Naval, facendo unha cea baile, para que a xente que queira botar un baile despois de degustar a comida poida facelo. Mañá charanga de novo e o grupo de folk Agarabía, para ofrecer un pouco de música da nosa terra. Para rematar Os Ciclóns coa mesma idea, unha cea baile. O domingo novamente charanga e pecharemos ao mediodía coa asociación cultural Andarela, que farán tanto música como baile tradicional.

(GMT+01:00) Porto do Berbés

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.