Un mar de actividades desde a ría
Por se os plans en terra firme non son suficientes, as navieras Mar de Ons e Piratas de Nabia propoñen unha serie de actividades a bordo das súas embarcacións. Visitas guiadas, degustacións gastronómicas, música en directo ou contos tradicionais son algunhas das cousas que poderemos facer mentres surcamos á ría.
Os plans en terra sábenche a pouco? Es un lobo de mar? As navieras Mar de Ons e Piratas de Nabia teñen a solución aos teus problemas. Ambas organizan durante todo o mes unha serie de actividades variadas, desde concertos ata degustacións gastronómicas, todas elas a bordo dun barco pola ría de Vigo.
MAR DE ONS
Comezando por Mar de Ons, ofrece distintas alternativas de lecer para a ponte máis importante do verán. Volven, así, Un Mar de Noches e Xira pola ría de Vigo con degustación de mexillóns a bordo, dous das novas iniciativas postas en marcha pola Naviera Mar de Ons este ano e as máis demandadas polas persoas que deciden pasar algúns días en Vigo durante o verán. Ademais, continúan as viaxes á Illa de San Simón, un lugar cargado de historia no corazón da ría.
Un Mar de Noches, que conxuga unha xira marítima nocturna con música en directo e unha degustación gastronómica a bordo, terá a súa próxima saída o venres 16 de agosto. Como é habitual, o barco partirá do Porto de Vigo ás 22.30 horas para iniciar unha travesía que, durante máis dúas horas, percorrerá a Ría de Vigo ata navegar baixo a ponte de Rande. O grupo galego Terapia de Grupo volve ser o responsable de amenizar musicalmente o percorrido a bordo. Ademais, os asistentes poderán gozar dunha degustación gastronómica realizada especialmente para a ocasión mentres navegan sen perder de vista a espectacular paisaxe nocturna que ofrece a Ría de Vigo.
Pola súa banda, a iniciativa Xira pola Ría con degustación de mexillóns a bordo terá lugar todos os días da ponte (do 15 ao 18 de agosto). Neste caso, trátase dun plan diúrno e para toda a familia. As persoas que así o desexen poderán subirse a un dos barcos de Mar de Ons para navegar pola Ría de Vigo, chegando ata a ponte de Rande, mentres unha guía explícalles todas as curiosidades da contorna e degustan uns mexillóns ao vapor recén feitos. Esta viaxe sairá do Porto de Vigo ás 12:00 horas e terá unha duración de máis de hora e media regresando de novo ao punto de partida.
Como xa está a ser habitual durante todo o verán, Mar de Ons poñerá en marcha viaxes á Illa de San Simón tanto o sábado 17 como o domingo 18. Aquí os interesados poderán gozar tamén dun percorrido panorámico pola Ría de Vigo e unha visita guiada a pé pola illa, un dos lugares con maior carga histórica de todo a contorna. Para reservas e máis información sobre os horarios visita a súa web.
PIRATAS DE NABIA
No apartado gastronómico, a naviera oferta catro rutas distintas: mexillón, marisco, polbo e de novo mexillón, pero esta vez pola baía de Baiona (con saída desde ese porto). Os prezos oscilan entre os 15€ e os 36€, e podes reservar a túa plaza e coñecer máis información premendo nesta ligazón.
A proposta máis curiosa a atopamos coa Noite das Meigas, o venres 16 de agosto. Será unha velada chea de maxia e de tradición galega. Os viaxeiros surcarán a costa de Vigo, coñecendo as súas tradicións, e as súas lendas relacionadas coa parte máis máxica de Galicia. Ademais, haberá degustación de produtos da zona e algunha sorpresa máis.
Por último, e por se quedache sen billete para as illas Cíes, desde Piratas de Nabia ofrecen unha visita ao arquipélago desde o mar. Os días 15 e 22 de agosto viaxarán ata as illas Cíes, navegando pola súa cara sur e oeste e achegándose para descubrir as súas praias, cantís e covas mariñas. Tras este paseo no que vos contarán máis sobre a historia e lendas que envolven estas illas, fondearán fronte á praia de Rodas para gozar dun ágape con froita fresca, doce galego e bebidas. Máis información e reservas, aquí.