Unha ‘espectacular’ Fangoria pon Castrelos a bailar
Onte tivo lugar o cuarto concerto deste verán en Castrelos, a cargo do dúo de electro pop español Fangoria. Como era de esperar, o grupo conseguiu facer bailar ao público cos temas máis populares dos seus 30 anos de carreira e versións daquelas bandas que marcaron a súa traxectoria.
Abriuse o telón e Fangoria saíu a escena ao poderoso son de Espectacular, tema do seu anterior traballo Cancións para robots románticos (2016). Non podía ser outra a canción escollida para abrir un concerto que foi un verdadeiro espectáculo. Alaska apareceu en escena cun vestido negro de brillantes que cambiaría en dúas ocasións ao longo da noite. Catro bailaríns e un potente espectáculo visual conformarían o resto do show.
Como ela mesmo recordou, esta non era a primeira actuación de Fangoria no Auditorio de Castrelos. A súa anterior visita en agosto de 2013 estivera acompañada pola chuvia, que non fixo minguar as ganas de bailar do público. Nesta ocasión un auditorio repleto volveu a bailar ao son de temas do dúo, como das versións de cancións que marcaron os 30 anos de vida de Fangoria. Puidemos escoitar as interpretación de ¿Qué sería de mí sin ti? De Carlos Berlanga, Gritando amor de McNamara, Solo para ti das Killer Barbies, Dame estrellas o limones de Family, Historias de amor de OBK o Llorando por ti de Ku Minerva.
Cara o final do concerto, Fangoria decantouse por darlle ao público o que quería deles e recuperaron temas míticos do dúo como No sé que me das (Naturaleza Muerta, 2001), Retorciendo palabras (Arquitectura efímera, 2004), De qué me culpas (Extrapolaciones y dos preguntas, 2019) e Dramas y comedias (Cuatricromía, 2013). Alaska daba as grazas ao tempo que abandonaba o escenario ao que regresaría minutos despois enfundada nun vestido de tons morados e decida a pór un broche espectacular ao concerto. Tras presentar a agrupación e interpretar Disco Sally remataría o show cun mix de dous dos temas máis populares de Fangoria: Ni tú ni nadie e A quién le importa. O espectáculo rematou pero Fangoria desmotrou que aínda ten folgos para rato.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024