Cine, música, obradoiros e “agroglamour” no XVI Festival de Cans
Este mércores 22 comeza unha nova edición do Festival de Cans, que cumpre 16 anos nun estado de forma impresionante e durará ata o sábado 26. Proxeccións de curtas e videoclips, concertos, encontros con cineastas, roteiros, obradoiros, coloquios, homenaxes e invitados de luxo como El Gran Wyoming, Rodrigo Sorogoyen, Leonor Watling, Jorge Coira, Carlos Blanco, Álvaro Gago, Diana Toucedo, Antón Reixa e moitos máis.
A programación deste ano do XVI Festival de Cans mantén tradicións do Festival e segue coidando a oferta diversa de actividades culturais (música, coloquios…) creando incluso algunha sección nova co fin de atender a diferentes públicos e mantendo a calidade das propostas como denominador común. Sendo fieis ao seu eslógan “exportando agroglamour dende 2004”, este ano realizarán a primeria retrospectiva internacional, do director alemán Hannes Stöhr.
Todas as competicións da sección oficial teñen nesta edición un fermoso equilibrio entre cineastas de longa traxectoria, en moitos casos caras coñecidas en Cans, e o espazo para acoller os debuts das figuras emerxentes do cinema galego. Na competición de Ficción destaca a gran variedade de xéneros, con aproximacións á comedia, ao fantástico ou ao terror, en moitos casos en pezas que rompen coas fronteiras entre estes tipos de cine. A variedade na sección de Animación vén marcada polos diferentes perfís e técnicas empregadas polos seus creadores: algunhas pezas están creadas por veteranos da animación con ampla experiencia na industria, mentres que outras pezas se achegan ao mundo das belas artes, animando desde a pintura.
A sección competitiva de non ficción FuraCans acolle as creacións dunha xeración emerxente, nacida na súa gran maioría na década dos 90, e na que destacan sobre todo mulleres realizadoras. En FuraCans atopamos tamén unha gran variedade de enfoques, desde o documental a pezas de carácter autobiográfico ou videocreacións que poderían verse no ámbito museístico.
O concurso de videoclips segue recollendo a riqueza de estilos e talentos da música galega e tamén dos realizadores e realizadoras que poñen imaxes ás cancións do país, usando en moitos casos o formato para experimentar. Este ano destaca a presenza de varias pezas animadas e outras que traballan con imaxes de arquivo. No musical, as propostas van desde o pop ao hip hop, e da electrónica mesturada co folclore ao punk máis ruidoso.
En canto aos invitados deste ano, O Coloquio na Leira estará protagonizado por Rodrigo Sorogoyen, un dos directores españois máis importantes do momento, como ben indican os Goya á Mellor Película e Mellor Guión que recibiu pola recente El reino. Pola súa parte. ao Café con CREA acudirá Hannes Stöhr, que conversará con Fon Cortizo (membro da directiva de CREA) e o seu colega de profesión e amigo Jorge Coira. En relación ao Premio Pedigree 2019 realizarase unha retrospectiva de curtametraxes en homenaxe ao actor Carlos Blanco con pezas protagonizadas polo actor.
Na parte que mestura audiovisual e música estarán as proxeccións de Fade into nothing e Femina respectivamente, dúas pezas relacionadas co músico, guionista e creador portugués Paulo Furtado, The Legendary Tigerman. O artista polifacético Fernando Epelde, creador da canción oficial desta XVI edición de Cans, estará neste antigo invernadoiro de caraveis xunto a parte do elenco para presentar a estrea da súa película SYD. Efectos que dejan de ser especiales con el tiempo. Ao remate desta ofrecerá un concerto do seu proxecto musical en solitario Chisme.
Tamén terá lugar no Invernadoiro a retrospectiva de videoclips de Xosé Manuel Budiño, e a presentación do seu novo traballo Fulgor. Antón Reixa pechará a programación do Invernadoiro nunha sesión nocturna que estreará en Galicia o seu espectáculo experimental Melancholemia, no que se mesturan bases musicais, imaxes de Antonio Segade e versos do propio Reixa.
Xa por último, no apartado puramente musical, destacar as visitas de Marlango, con Leonor Watling á cabeza; El Gran Wyoming y Los Insolventes, The Legendary Tigerman, Dakidarría en acústico, BFlecha, Patricia Moon, Su Garrido, Raiceira, Aries, Pakolas, MJ Pérez, Psychotropic Boom e música tradicional coas Pandereteiras de Cans, Os Zoqueiros, os AcordeCans ou a Banda de Música de Rubiós.
Como vedes o programa deste Festival de Cans é un maratón cultural sen descanso. Para máis información sobre as actividades de cada un dos días, consultar os eventos de abaixo: