VIALIA
bannerPicnicSesions

O agroglamour de Cans volve máis internacional que nunca

Acaba de arrancar a 15º edición do Festival de Cans, a festa por excelencia do cinema galego. Esta pequena parroquia do Porriño volverá a acoller a milleiros de visitantes e a destacados nomes do audiovisual galego, que volverán participar no famoso desfile de chimpíns. Aínda que o día grande é o sábado, a actividade cultural comeza hoxe.

Volve o agroglamour e volve máis internacional que nunca. Na 15º edición do Festival de Cans incorpórase por vez primeira a sección Extracans. Un espazo no que se buscará a conexión de creadores e creadoras galegos con directores e directoras doutros países. Realizadores de Italia, Líbano, Portugal ou Brasil mostrarán as súas curtametraxes no festival, todas co nexo en común de que o traballo de profesionais galegos foi determinante para sacar os traballos adiante.

REVISTA ABRIL

Os actos do festival comezaron hoxe mesmo cunha xornada dedicada aos veciños e á literatura. Mañá o festival continúa con numerosos actos entre os que destacan as proxeccións de ‘British Winters’, na que participarán os directores Roque Cameselle e Andrew Turner; e ‘A estación violenta’ coa presenza da directora Anxos Fazáns e os intérpretes Nerea Barros, Alberto Rolán, Xosé Barato e Antonio Durán “Morris”. Á noite desenvolverase o concurso de videoclips que irá seguido do concerto de Esteban&Manuel na praza do Concello.

O venres intensifícase a actividade con coloquios, obradoiros de cine para os pequenos, proxeccións e música. Cabe destacar a inauguración da exposición retrospectiva de “O Bichero” de Luis Davila ás 20:30 e o concerto de Depedro ás 21:00. A partir das 22:30 da noite, terá lugar un dos actos centrais do festival, a coñecida como noite de homenaxes. Este ano os protagonistas son Isabel Blanco, Constante Romero e Chelo Casalmorto que recibirán os Chimpíns de Prata e Chelo Loureiro que recibirá o premio Pedigree.

O sábado é o día grande. Tras o tradicional desfile de chimpíns dará comezo a proxección das curtas que se presentan nas diferentes categorías da sección oficial do festival e que como vén sendo costume se proxectarán nos diferentes jalpóns. A xornada do sábado vén marcada pola presenza no evento de dous grandes do cinema español: Fernando Trueba, que ofrecerá un coloquio ás 12 horas no Torreiro de Cans e Gracia Querejeta que estará ás 17:00 na Leira de Alicia. Ámbolos dous inaugurarán a súa estrela no Torreiro de Cans. Ademais das proxeccións e coloquios durante todo o día haberá concertos para animar a xornada. A música correrá a cargo de grupos como: Mounqup, Pardo, Familia Caamagno e Tanxungueiras. Ás 23:00 terá lugar a entrega de premios que culminará coa actuación do lendario grupo Burning.