55 artistas galegos únense para realizar ‘Unha viaxe solidaria e creativa á vida’
Este xoves 9 inaugurouse a II Exposición Colectiva Unha viaxe solidaria e creativa á vida, que estará dispoñible na Sede Afundación ata o 2 de xuño. Este proxecto expositivo conta con obras de 55 artistas diferentes e organízase co obxectivo de recadar fondos para o programa Viaxe cara á vida polo que nenos e nenas de diferentes países africanos poden vir a Galicia a seren operados.
Unha viaxe solidaria e creativa á vida trátase dun proxecto expositivo colectivo no que participan coas súas obras 55 artistas galegos, a maioría deles de Vigo, coordinados por Mingos Teixeira, Gonzalo Selles, Álvaro Rodríguez e Sara Pérez, para recadar fondos en beneficio do programa Viaxe cara á vida organizado pola ONG. Cada obra terá un prezo de 150€, agás as que conten con máis dunha persoa interesada, que será vendida á cantidade máis alta.
Viaxe cara á vida é un programa sanitario promovido pola Fundación Tierra de Hombres, que facilita desde 1995 o traslado a España de nenas e nenos procedentes de países africanos cun baixo índice de desenvolvemento, entre eles Togo, Benín, Mauritania, Senegal, Marrocos e Guinea Conakry, para ser intervidos de diferentes graves patoloxías que non poden ser atendidas nos seus lugares de orixe por falta de recursos e infraestruturas sanitarias adecuadas.
Durante este período foron operados case 700 nenos e nenas, 97 deles en Galicia, de cardiopatías, queimaduras ou problemas traumatolóxicos e maxilofaciais. No proxecto colaboran de forma altruísta hospitais da sanidade pública e privada (en Galicia, o Hospital Materno Infantil da Coruña, Hospital Clínico de Santiago, o Grupo Hospitalario HM La Rosaleda de Santiago de Compostela e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), equipos médicos, voluntariado e familias de acollida.
Poderá visitarse ata o domingo 2 de xuño cun horario de luns a sábados de 17:30 a 20:30.