CAMELIAS MASCOTAS

Abel Tomé gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2019

Este sábado na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, no que resultou gañador Abel Tomé coa novela A noite do lobo.

O gañador do premio Abel Tomé

Hai dous anos a Editorial Galaxia creou o Premio Illa Nova para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación entre os máis novos cando se cumprían 60 anos dende que botase a andar a xa mítica colección Illa Nova. Era 1957 e a Editorial Galaxia pretendía dar continuidade ao seu proxecto a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde viron a luz algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.

O gañador desta terceira edición foi Abel Tomé coa novela A noite do lobo. A obra desenvólvese nunha época remota no acervo galaico portugués pero conta tamén con referencias actuais e reminiscencias a David Lynch, a Mary Shelley ou mesmo a Cortázar. O relato, narrado a través da figura dun cazador de lobos atípico, é unha defensa do patrimonio natural no que tamén destaca a forza do pobo contra o poder e unha vontade anticolonial.

O xurado, composto pola lectora Paz Raña Lama, a escritora Iolanda Zúñiga e a xornalista Ana González Liste, valorou que nesta novela “o autor emprega unha prosa dinámica, contida, na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”. Ademáis, subliñan que “o dominio da lingua e a escolla dos topónimos e antopónimos colaboran, sen dúbida, a engrandecer a ficción”. 

REVISTA NOVEMBRO

Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Abel Tomé dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista viguesa Marta Lorenzo. A escultura, ao igual que en anos anteriores, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da histórica colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa Su Garrido Pombo, cantante e compositora galega radicada en Vigo, que interpretou algúns temas baseados en poemas de Ana Romaní ou Xohana Torres.

Abel Tomé (Outes, 1984) é graduado en Xornalismo e actualmente compaxina a comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos. Como estudante, gañou xunto a outros compañeiros o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2013. Tamén foi merecedor do primeiro premio Revista A Pipa 2015 na modalidade de poesía.

Previamente, publicara xa en Galaxia A noite do corvo(2018), novela coa que fora finalista do Premio Illa Nova no 2017 e que vai xa pola súa segunda edición. Agora, a súa nova novela, A noite do lobo, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librerías nas próximas semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio