CAMELIAS MASCOTAS

David Aja e David Rubín, superheroes do cómic

Este venres 26 de abril pola mañá presentouse unha nova exposición no Teatro Afundación, na que poderemos ver as obras dos ilustradores e debuxantes de cómics David Rubín e David Aja. Os superheroes e as superheroínas serán as protagonistas desta mostra, que estará dispoñible ata o 6 de xullo. (Fotos: Pablo V.)

Coincidindo coa chegada aos cines de todo o mundo do filme Endgame, o capítulo final da saga de superheroes de Marvel, os afeccionados a este tipo de personaxes fantásticos teñen unha parada obrigatoria na sala de exposicións do Teatro Afundación desde o venres 29 de abril ata o 6 de xuño con Superpoderes. David Aja e David Rubín.

A mostra conforma un percorrido por máis de 350 obras que reflexionan sobre o símbolo do superheroe no século XXI da man do vallisoletano David Aja e do ourensán David Rubín, dous dos artistas máis importantes do panorama actual de autores de cómic, tanto nacional como internacional, que desenvolven a súa carreira no mercado norteamericano.

O seu estilo, aínda que moi diferenciado, ambos gardan unha serie de puntos en común. Mentres que Aja salienta especialmente polo seu talento e creatividade á hora de deseñar portadas de cómics (leva tres Premios Eisner, os máis importantes no mundo do cómic, nesta categoría), Rubín destaca pola súa capacidade narrativa e polo seu trazo nas historietas, tanto as súas propias como as que realiza por encargo. Nunha das paredes da sala poderemos apreciar unha ilustración feita polo debuxante galego expresamente para esta exposición en Vigo.

REVISTA NOVEMBRO

O seu nexo de unión é a utilización de personaxes estereotipadas, como poderían ser os superheroes, cun punto de vista moi persoal e distintivo. Desta forma, son capaces de transmitir novas sensacións e aires de renovación nun eido marcado en moitas ocasións polos clichés. Dito doutra forma, cómic de autor no mundo dos superheroes. Entre as obras expostas, destacamos as portadas para Inmortal Iron Fist, Scarlet Witch, Red Skull ou Hawkeye de David Aje e as viñetas e ilustracións de El Héroe, Aurora West, Batman, Spirit ou Private Eye.

Como explicaba na presentación o comisario Asier Mensuro, o cómic está a conseguir por méritos propios colarse nos museos e en grandes exposicións, como obra artística que é. De feito, adiantou que un gran museo a nivel nacional iniciará nos próximos meses unha mostra de cómic, e que fará unha parada en Vigo. Outra das particularidades que teñen as exposicións de cómic e que no teñen outras disciplinas é a posibilidade de ver a evolución do proceso a través dos diferentes debuxos. Nesta mostra poderemos ver as páxinas a lapis, a tinta e a cor de diferentes bandas deseñadas, así como primeiros bocetos en libretas ou en dixital.

A mostra poderase visitar a partir do 29 de abril ata o próximo 6 de xullo, de luns a venres en horario de 17:30 a 20:30 e os sábados de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30. O martes 30 de abril o comisario Asier Mensuro realizará unha visita guiada inaugural. Mensuro, licenciado en Historia da Arte, é un dos maiores estudosos do mundo do cómic a nivel nacional.