CAMELIAS MASCOTAS

Antifrágil: “Temos moitas cancións por mostrar aínda”

Este sábado a partir das 21:00 poderemos gozar en Radar Estudios de dúas grandes bandas da terra: os vigueses Antifrágil e os pontevedreses La Casa de los Ingleses. Pop, rock, indie… música de calidade, en definitiva. Falamos con Daniel Soler Porritt, voz e guitarra de Antifrágil.

Os catro membros de Antifrágil

Antifrágil é unha banda local formada en 2011 por Daniel Soler e outros experimentados músicos vigueses como son Kike Calzonetti, Damian Pena e Luvas Márquez. En 2016 sacan o seu primeiro traballo, que acostuman denominar o “EP Branco” pola súa portada: “foi un exercicio para a banda gravar algún dos temas e tamén experimentar con diferentes propostas”, comenta Daniel.

Tras gravar dous temas (Imposible de explicar e Error) nos Estudios Subterráneo de Vigo e outro (Irreversible) nas Sesións Náuticas no Náutico de San Vicente (O Grove), teremos pronto novo material da banda? “A nosa intención e presentar Irreversible en breve cun novo videoclip, centrarnos nos novos temas e ir sacando singles que formarán parte finalmente dun novo EP, ou incluso mellor, un LP que represente máis o son actual da banda”, engade Daniel, que finaliza cun ” temos moitas cancións que mostrar aínda”.

Durante os veráns de 2017 e 2018, Antifrágil estivo como banda residente en La Casa de Arriba, cunha serie de concertos acústicos nos que mesturaban versións con temas propios e nos que cada día invitaban a un artista a cantar con eles. Todo isto desembocou no #EneroAntifrágil o 4 de xaneiro deste ano, no que reuniron a un total de 22 invitados sobre o escenario de La Fábrica de Chocolate durante máis de dúas horas. “Quedamos encantados ao ver a satisfacción dos invitados e do público e de comprobar que todo o mundo gozou tanto como nós. Foi divertido preparalo e ainda máis levalo a cabo. Igual temos que pensar en facer un evento similar todos os anos”, bromea Daniel.

REVISTA NOVEMBRO

Un evento emocionante e curioso no que puidemos ver gran parte da escena local nun mismo concerto: “En Vigo temos artistas máis que consagrados como Siniestro Total, Ivan Ferreiro, Nicolás Pastoriza, Maryland… outros que están a crecer a gran velocidade como os amigos de Presumido e Villanueva e novas propostas como GhostBeast, Basanta, Kings of the Beach, Atlantic ou The Riggos”.

Como se autodefiniría a banda? “Esta é unha pregunta dificil. O noso estilo é pop por centrarse especialmente nas cancións e melodías, é rock ou post-rock pola sua intensidade e as pasaxes instrumentais, é alternativo polo tipo de son, o uso da electrónica e das texturas, e é en ocasións psicodélico. Xogamos moito con cambios de intensidade e tentamos sempre buscar o mellor envoltorio para cada tema”.

Mais o sábado 9 non estarán sós en Radar Estudios, senón que estarán acompañados pola banda pontevedresa La Casa de los Ingleses, coa que xa compartiron escenario en Cangas nun concerto “fantástico”: O primeiro que temos que dicir é que son moi boa xente, o cal facilita moito organizar eventos xuntos e fainos gozar aínda máis do directo. O seu estilo e tal vez máis pop que o noso pero é moi compatible”. O 11 de maio será o ‘partido de volta’ na Sala Karma de Pontevedra.

(GMT+01:00) Radar Estudios

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.