CAMELIAS MASCOTAS

Guía musical para o Entroido 2019

Este Entroido vén cargadiño de música para todos os gustos. Ademais dos concertos de Chenoa, Sidecars, Tony Lomba & Elio dos Santos e Heredeiros da Crus na Porta do Sol, as salas da cidade continúan coa súa programación habitual con concertos de moito nivel.

O Entroido en Vigo é a festividade ideal para os disfraces, as comparsas e a troula, pero tamén é un momento tan bo como outro calquera para gozar de boa música. Desde o Concello ofrécennos tres concertos gratuítos na Porta do Sol e as salas variedade e calidade, como de costume.

O primeiro será este venres 1 ás 20:30, no que poderemos bailar ao ritmo da música de Chenoa, concursante da primeira edición de Operación Triunfo e colaboradora de varios programas de televisión como Zapeando ou Tu Cara Me Suena. Se ao rematar o concerto aínda tes ganas de máis, podes achegarte á Praza do Berbés, onde estará a Orquesta Neverloura, o pesadelo da Panorama, para facer bailar a todo o mundo a ritmo de temazos e humor.

Se prefires algo máis forte, podes coller o coche e ir a Sala Rebullón, en Tameiga, onde estará a banda de Nova York The Last Internationale, presente na última edición de O Son do Camiño e un dos grupos de rock emerxentes dos que máis se espera. Ademais, estarán teloneados pola banda galega de blues punk Thee Blind Crows.

Tamén precisarás coche ou Vitrasa para ir ao espectáculo da orquestra leonesa La Fórmula, que actuará ás 12 da noite no Ifevi acompañados por Carlos Baute, Edurne e Andy y Lucas, entre outros. Xa nas salas da cidade teremos triple concerto de punk rock na Kominsky, a Stasia Momento na Fábrica, blues en La Pecera e a Pardal na Rúa en El Contrabajo.

Xa no sábado 2 de marzo teremos á banda de indie rock Sidecars na Porta do Sol ás 22:30. Un grupo que se deixa ver moito por estas terras ultimamente, o que demostra a fidelidade do público galego co grupo liderado por Juancho. Xusto despois, sobre as 23:30 en La Iguana, terá lugar un dos concertos de rock do ano, o de Guadalupe Plata. Podes ler a entrevista que lle fixemos ao seu cantante e guitarrista nesta ligazón.

REVISTA NOVEMBRO

Ademais destes dous, haberá un triple concerto de bandas tributo de Green Day, Nirvana e The Offspring na Fábrica de Chocolate ás 21:00; Viaje Turbulento en El Contrabajo, Noite de tributos a Leño e Hendrix na Master, Rafael e Salvador Amor en El Rincón de los Artistas e o mítico Alberto Cunha en La Pecera.

Para rematar este maratón musical, o martes 5 será a última actuación na Porta do Sol programada polo Concello. Aínda que nun comezo o Alcalde asegurou que serían tres as bandas locais que subirían ao escenario, finalmente son dous e só unha é de Vigo. Ás 21:30 poderemos gozar da actuación do dúo máis irreverente da cidade: Tony Lomba & Elio dos Santos. Unha hora de hits imperecedoiros e música lixeira na que non faltarán temas como Vaya tío ou Ay Yoli Yoli.

Tras eles e tras a queima do meco, chegará ás 23:00 un dos pratos fortes do Entroido: a actuación de Heredeiros da Crus. A pesar de ser unha das bandas galegas máis coñecidas, non pisan terras viguesas desde mediados da década dos 90, cando actuaron en Bouzas. Un concerto moi esperado que seguro fará as delicias dos fans.