CAMELIAS MASCOTAS

Pólvora presenta o seu novo videoclip a bordo do ‘Camino’

A banda viguesa Pólvora, liderada polo poeta Marcos de la Fuente, acaba de presentar o videoclip de Lo nuevo, un tema que podemos atopar no seu último disco Isla Futura. O vídeo foi rodado en xaneiro do ano pasado no barco abandonado ‘Camino’, situado no peirao de Bouzas.

Javi GDJazz, Marcos de la Fuente e Pierre Chauvency durante a rodaxe do videoclip | Bernard Betancourt

Lo nuevo é unha das cancións de Isla Futura, o primeiro e polo de agora último disco da banda local Pólvora. Tamén é o tema do novo videoclip da banda, filmado en xaneiro do pasado ano nun barco abandonado do peirao de Bouzas que leva por nome ‘Camino’: “Había moito tempo que estaba con ganas de facer algo alí. Encántame ese nome, que fai referencia á novela de Jack Kerouac”, comenta o poeta Marcos de la Fuente, letrista e vocalista da agrupación.

Como ben nos conta el, o mar parece unha constante nos vídeos da banda: “Despois do primeiro vídeo con Isla Futura, rodado en Cabo Home, e de La Carta Blanca, rodado nun faro no medio da ría e nas bateas de Chapela, queriamos seguir referenciando á nosa xeografía e paisaxe, que é algo moi característico da nosa cultura: os faros, as bateas, o mar, o porto…”. Lo nuevo é obra de Erik Rade, algo que Marcos tiña claro desde o principio: “Gústanos moito o traballo de Erik en intervencións urbanas, e queriamos que fose el quen fixese o vídeo. Levou tempo pero penso que o resultado está a altura das expectativas“.

REVISTA NOVEMBRO

Pólvora iniciaba a súa andadura fai un par de anos en Vigo: “Naceu das ganas de experimentar e crear novos camiños para o spoken word e a electrónica. O produtor 2pas0s e máis eu xantámonos para facer un par de temas cos seus beats e a miña voz, e o final argallamos todo un disco. Todo feito en Vigo e con xente de Vigo“. Un disco, Isla Futura, que viu a luz en decembro de 2017. O balance que fai Marcos destes anos é bastante positivo: “Soamos en Radio 3 e nos 40 Principales. Tocamos en Madrid, Barcelona, no Festival MED do Algarve, no escenario principal do Vigo SeaFest… Enchemos de xente as salas onde tocamos e comprobamos como o público conectou coa nosa proposta“.

De feito, o do Vigo SeaFest foi o seu último concerto na nosa cidade, mais asegura que antes do verán haberá un. O principal motivo deste parón foi a incapacidade de poder reunir a todos os membros da banda: “2pas0s está preparando o seu novo disco, eu estiven co Festival Kerouac en México e Nova Iorque, David Fermoselle está a xirar con Villanueva, Error (Roberto López) está a estudar en Barcelona e Luadsant en Londres, lanzando a súa carreira como vocalista de R&B”.

Sobre o futuro, Marcos nos conta que “imos gravar novas cancións este ano, producidas polo dj madrileño Be Lanuit, cancións que xa adiantamos no directo que fixemos xuntos en Tulúm este mes pasado. Ademais, está previsto que a finais de 2019 saia o disco de re-mesturas de Isla Futura, con reworks y reedits de, entre outros, os vigueses Animal Picnic, o madrileño Watch TV ou o asturiano Dj Koo. Gustaríanos atopar un selo ou produtora que nos arroupe e que nos dea continuidade en concertos e festivais. Nese sentido, penso que somos moi versátiles, e tanto podemos ir a un festival de poesía como a un de música indie ou electrónica“.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.