Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta homenaxean ao Centro de Estudos Fotográficos
Este mércores 6 de febreiro presentouse na Sala de Exposicións do Teatro García Barbón a mostra Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos, comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal e composta por obras exclusivas de Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta.
Esta mostra, que leva por título Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos, é unha homenaxe ao traballo editorial deste centro ao longo dos seus trinta anos de historia, nos que editaron un total de 44 libros. Obras, que por certo, están dispoñibles na propia exposición para ser levadas de balde polos visitantes. Estará aberta ao público ata o 6 de abril.
A mostra está comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, directores do CEF, e contén obras creadas ex profeso polos artistas Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta. A proposta de Soler baséase en dúas instalacións, sendo a máis rechamante A voz da túa alma, na que multitude de follas de libros do CEF semellan saír voando do interior dun cadaleito. Herbello avoga por unha proposta fotográfica titulada E agora que… na que outorga diferentes usos aos libros do CEF. Por último, Fontcuberta presenta un tríptico no que interactúan os libros do CEF co primeiro fake fotográfico de Fox Talbot.
Ademais destas mostras, os propios comisarios incluíron unha proposta denominada Panel de vida, no que se mostran diferentes documentos históricos do CEF que aportan unha mirada distinta. Por último, inclúese unha instalación sonora deseñada para este proxecto por Xulio Gómez, Sinsalaudio e Escoitar.org. Os días 4 e 5 de abril desenvolveranse dúas xornadas de conferencias e encontros profesionais sobre o fotolibro, nas que intervirá o propio Joan Fontcuberta.