CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Os Premios da Cultura Galega homenaxean á Movida dos 80

O Teatro Afundación de Vigo acollerá unha nova edición da gala de entrega dos Premios da Cultura Galega, un evento no que será recoñecida a labor de artistas ou proxectos como Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, Pilar Ponte Patiño, O Sabor das Margaridas, o programa Galego en Londres ou a restauración do Pórtico da Gloria.

O teatro Afundación cheo durante un evento | Alba Sotelo

Este martes 14 ás 19:00 no Teatro Afundación terá lugar a gala de entrega dos Premios da Cultura Galega, un dos maiores recoñecementos neste eido no noso territorio. A escolla de Vigo como sede non é azarosa, xa que na gala renderase homenaxe á Movida dos 80, coincidindo co 40 aniversario do inicio deste movemento.

CAMELIAS NADAL

O acto contará con actuacións que conectarán a escena contemporánea galega cos grandes referentes culturais de comezos dos anos 80. Así pois, actuarán artistas como as Tanxugueiras, a Escola de Danza Media Punta de Vigo ou Presumido, que será o encargado das transicións da gala. Ademais, terá lugar unha performance poética por parte do grupo Rompente a cargo de Antón Reixa, Manolo Romón e coa música de Julián Hernández, tres figuras sinaladas do panorama cultural vigués.

A maiores, a artista baionesa Lula Goce elaborará un mural de gran formato con referencias á cidade de Vigo que formará parte da escenografía do acto e que, con posterioridade, será instalado nun espazo da cidade. Ela é a autora dun dos murais máis fermosos realizados na nosa cidade a través da iniciativa Vigo Ciudad de Color, na rúa San Gregorio no 2016.

Nesta edición, o xurado designou a Xesús Alonso Montero na modalidade de Letras, Soledad Penalta na de Artes Plásticas, Monicreques de Kukas na categoría de artes escénicas, Amancio Prada na de música, a serie de televisión O sabor das margaridas no apartado de audiovisual, Pilar Ponte Patiño no de lingua, a restauración do Pórtico da Gloria na modalidade de patrimonio cultural e o programa Galego en Londres na de proxección exterior.