Troula e tradición nos furanchos de San Brais
Romeros e romeras xa está aquí San Brais. Aínda que algúns xa levan unhas cantas semanas a celebralo o día grande é este domingo día 3, así que preparade o instrumento e achegádevos a parroquia de Bembrive onde non faltará a música, o viño e o cocido.
Así que se apagaron as luces do Nadal, en Bembrive subían a persiana os primeiros furanchos da tempada. Cada vez son máis os que se animan a abrir cedo as súas portas ante a boa acollida do público que nestas datas visita por milleiros a parroquia viguesa. Este ano a ruta furancheira a compoñen 23 establecementos. Hainos máis e menos enxebres, para aqueles que busquen algo auténtico poden visitar o furancho o Chivo, o de Chicha ou O Castelo ambos ao carón da igrexa e no que o chan é de terra.
Aínda que famosa polo viño, todos sabemos que nesta festa non se trata de buscar grandes calidades. Ademais de haber viño e licor a esgalla tampouco falta a comida. O máis típico é ir comer o cocido. No propio día a maioría dos furanchos traballan baixo reserva, como a Blasa e o Rianxeira, e en toda casa da contorna hai comilonas de peñas e grupos de amigos. A maioría tamén ofrecen tapas típicas como tortilla, chourizo, croquetas ou zorza; non acostuma haber moita variedade pero están ben preparadas a uns prezos moi alcanzables.
O outro gran piar desta festa e a música. Todo aquel que sabe tocar un instrumento tradicional coñece San Brais. Non é preciso que vaias co teu grupo, pois aquí sempre tes algúns gaiteiros ou pandereteiros aos que unirte para tocar, cantar e bailar. A improvisación é a raíña nesta festa na que calquera cousa pode xurdir. Pero tamén é certo que hai furanchos que non o deixan todo ao azar e contratan grupos para caldear o ambiente. É o caso do furancho Endulza tu vida, situado no camiño dos Novelos, é sen dúbida un dos máis animados e cada día podemos gozar dun par de actuacións nas que hai dende música tradicional ata batucada pasando por rock e incluso sons balcánicos.
Como todo nesta vida e, a pesar de moitos, o San Brais tamén evoluciona e son cada vez máis os ‘disco-furanchos’. Eses que optan por pinchar algo de música en contra da música tradicional ao vivo.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024