Homenaxe a Ángel Nieto no 12+1 Galiexpo Motor Show
Os próximos 1, 2 e 3 de febreiro o IFEVI acolle de novo a festa do motor galego, que este ano estará protagonizada pola exposición do motorista Ángel Nieto. Ademais, haberá unha mostra do máis variada sobre vehículos de todo tipo: coches clásicos, de competición, motos, 4×4, americanos, náutica, caravanas…
Volve o Galiexpo Motor Show a Vigo, máis concretamente ao IFEVI, os días 1, 2 e 3 de febreiro. Un evento referencia tanto a nivel autonómico como nacional, xa que cada vez quedan menos feiras deste tipo no resto do país. A principal novidade deste ano será a homenaxe ao 13 (ou 12+1, como dicía el) veces campión do mundo do motociclismo Ángel Nieto, falecido hai dous anos. Haberá unha mostra das súas equipaxes e motos, ademais de contar coa presenza dos seus fillos . Tamén haberá tempo para homenaxear a Dani Rivas, piloto de motos moañés falecido no circuito de La Laguna en 2015.
A feira mesturará actividades comerciais, lúdicas e deportivas para conseguir a máxima diversión de todo o público. Outra das novidades é o espazo adicado ao running, no que se poderá conseguir material e información acerca deste deporte cada vez máis popular. Ademais, como é lóxico, atoparemos vehículos de todo tipo: coches clásicos, de competición, superdeportivos, motos, 4×4, tuning, quads, americanos, náutica deportiva, automodelismo, caravanas… Todo isto acompañado por zonas de moda e de relax con actuacións e actividades para toda a familia. A entrada ao recinto será de 6€, salvo as crianzas menores de 5 anos que poderán entrar de balde.
Tamén terá lugar o III Campionato de Exhibición Internacional de Drift Indoor, o evento máis popular deste salón do motor. Contará con cinco pases repartidos en dous días: sábado ás 17:00, 19:00 e 21:30 e domingo ás 16:30 e 18:30. O prezo será de 3€ para o drift diurno e de 5€ para o nocturno, unha modalidade que se iniciou o ano pasado e resultou ser todo un éxito.