Aberta a convocatoria para o VIII Primavera do Cine
O principal festival de cine da cidade, o Primavera do Cine, abriu desde hoxe ata o 25 de febreiro a convocatoria de filmes para esta oitava edición. O festival, que se celebrará entre o 30 de abril e o 5 de maio, seguirá a apostar polas cintas feitas en Galicia ou dirixidas por galegos e polo cinema lusófono.
O festival Primavera do Cine en Vigo presentou esta mañá ás 12:00 no Instituto Camões as bases para a admisión dos traballos audiovisuais da oitava edición do certame. Neste novo certame, o Festival Primavera do Cine en Vigo manterase fiel aos seus valores e por iso continuará apostando por dar a coñecer o cinema galego e lusófono. Terá lugar entre o martes 30 de abril e o domingo 5 de maio. O periodo para presentar as obras rematará o 25 de febreiro.
Como nos últimos anos, ademais das proxeccións, haberá unha serie de actividades paralelas en diferentes lugares da xeografía viguesa. Estas serán a masterclass, que en boca do director do festival, Juan de Castro, será “sorprendente”; o cine miúdo, dirixido ás crianzas; os concertos, probablemente situados o día anterior á clausura; o Encontro Arraianos, que busca crear redes de colaboración e intercambio entre Cineclubes e Festivais de cine de Galicia e Norte de Portugal, España e Brasil; e o cinema nos barrios, que o ano pasado gozou dunha gran acollida, polo que este ano queren levalo a máis zonas da cidade sempre que a metereoloxía o permita.
Juan de Castro incidiu moito na cinematografía lusófona, especialmente brasileira, que non deixa de medrar ano tras ano. De feito, fai uns anos a proporción de filmes lusófonos recibidos superou aos galegos, un dato bastante curioso. Na edición anterior, das máis de 300 obras recibidas, máis de 100 eran brasileiras, o que mostra o potencial do país suramericano. Con todo, agardan que os cambios políticos sofridos nos últimos meses non empeoren a boa relación que ten o festival co pobo brasileiro.
As sedes seguirán sendo as mesmas: o Museo MARCO para a proxección de curtas, o Auditorio Municipal do Concello tanto para longas como para curtas e o Instituto Camões para o Encontro Arraianos. Ademais, o 5 de maio, día da clausura do Festival, coincide co Día Internacional da Lingua Portuguesa.