CASAACUNHA

Aberta a convocatoria para o IX Primavera do Cine

Volve o Primavera do Cine, neste caso baixo a dirección de Alfonso Castaño, que abre a convocatoria de curtametraxes, longametraxes e videoclips para a súa novena edición . O prazo de envío de traballos abarcará desde o 4 de febreiro ata o 5 de marzo, ambas datas inclusive, e poderá relizarse a través da web do festival da plataforma movibeta.

Banner A Movidiña
Proxección na Praza do Abanico na última edición do festival | Paula C.

O festival celebrarase entre o 5 e o 10 de maio e, á marxe das proxeccións, levará a cabo unha oferta de actividades divulgativas destinadas ao fortalecemento do audiovisual galego e a cimentar as súas relacións co ámbito cultural lusófono. Desde a organización destacan que non é a primeira vez que cambia a dirección, algo xa acontecido no ano 2015, e que o Concello volveu a confirmar o seu apoio ao festival.

Respondendo á identidade do certame, os traballos seleccionados deberán estar producidos por produtoras galegas ou dirixidos por creadores/as de Galicia ou, no seu caso, ter un vículo específico a nivel creativo coa industria audiovisual galega. Por outra banda, mantense tamén a convocatoria destinada a países de fala lusófona que competirán en sección paralela. Haberá premio do público en todas as seccións e un premio especial do xurado para a mellor longa galega e lusófona.

O novo director do festival, Alfonso Castaño, que traballou en sete das oito edicións do certame, quere salientar que “o Primavera 2020 está en marcha e conta con profesionais que participaron en numerosas edicións dende o comezo”. Ademais engade que “o concello de Vigo leva apoiando esta actividade desde o seu nacemento no ano 2012 como cita ineludible da axenda cultural viguesa”.