CAMELIAS MASCOTAS

Kaiser Chiefs Dj Set e Mando Diao estarán no primeiro Most! Music Festival

Chega a Vigo o MOST! Music Festival, un evento que pretende reunir no IFEVI a todos os amantes do pop rock e da electrónica. Terá lugar o 15 de decembro e as bandas confirmadas ata o momento son Kaiser Chiefs DJ Set, Mando Diao, os Tiki Phantoms e os dj’s Mike Pickering e Graeme Park de FAC51 The Haçienda. 

O IFEVI parece que volve a ser o que era despois dunha tempada na que non soaba música dentro das súas paredes. Dios Salve a la Reina (homenaxe a Queen), o Festival de Rock (con Barón Rojo, Mägo de Oz e Obús) e agora o MOST! Music Festival, con Mando Diao, Kaiser Chiefs Dj Set, os Tiki Phantoms e FAC51 volven darlle vida ao xigante vigués. A partir do 15 de outubro estarán dispoñibles as entradas a 30 euros ata fin de existencias e só durante 24 horas.

Os obxectivos do MOST! son claros: apostar polas mentes abertas, por eses riffs de guitarras que evocan ao mellor espírito popeiro ou rockeiro, ao mesmo tempo que por temas de baile que provocan os mellores momentos furtivos á calor canalla da madrugada.

Kaiser Chiefs son unha das bandas máis famosas do pop rock británico deste século. Nos últimos anos visitaron varios festivais galegos como o Noroeste na Coruña e o Atlantic Fest na Illa de Arousa. Os de Leeds gozan moito colgando de cando en vez os instrumentos para meterse na cabina de DJ e poñer a todo o mundo a bailar cunha mixtura enérxica e ultra bailable na que non falta new wave, rock, punk e o mellor pop rock anglosaxón de onte, hoxe e sempre.

Mando Diao volven a Galicia despois do seu glorioso paso pola primeira edición do Son do Camiño en Santiago. Os suecos gañáronse o respecto e corazón dese público ao que o que máis lle gusta é o rock independente, con fortísima influencia do garage, o son sesenteiro dos Kinks e o son disco do sintetizador analóxico. Son sen dúbida garantía de directo incendiario e desde fai xa case quince anos contan co beneplácito da prensa musical especializada e do público en xeral.

REVISTA NOVEMBRO

Cun singular directo e un look irresistible, os Tiki Phantoms veñen ao festival MOST! para poñelo todo patas para arriba. Este cuarteto barcelonés e calavérico, vestindo as súas mellores galas, bríndanos un surf-rock’ n’ roll instrumental bailable con influencias tan dispares que van desde The Shadows, os Straitjackets ou os Satan’ s Pilgrims ata Dead Kennedys ou Agent Orange. Reverb a lume de biqueira, son cristalino e sección rítmica demencial sen deixar de lado a elegancia.

En maio de 1982 The Haçienda abría oficialmente as súas portas en Manchester, e alí foi onde Pickering e Graeme Park (posteriormente, desde 1988) fixéronse inmortais con esa mixtura valente, bailonga e atrevida de acid, house, electro- funk, jackin’, etc. The Haçienda, para moitos o mellor club do mundo, non se entende sen eles e ao contrario.

Estos son os artistas confirmados ata o momento para esta primeira edición do MOST! Music Festival, que terá unha oferta de lanzamento de 30€ por entrada ata esgotar existencias. O IFEVI abrirá as súas portas sobre as 18:00 e convertirase na capital galega da música independente ata ben entrada a madrugada.