Matamá debulla o millo e a tradición na festa da recolleita
Toca recoller o sementado. Ben o saben en Matamá, onde esta fin de semana se celebra a festa da Recolleita. Unha celebración que dá continuidade a Sementeira celebrada a finais de abril. As familias que se acheguen ao evento recollerán o millo e poderán gozar das numerosas actividades e actuacións programadas para a tarde e noite do sábado.
Outrora, os ciclos de cultivo marcaban as celebracións, unha tradición que están empeñados en recuperar na parroquia de Matamá. O pasado mes de abril o Colectivo Malaherba celebrou a Festa da Sementeira, na que grandes e pequenos participaron no cultivo dun campo de millo e este sábado terá lugar a Festa da Recolleita.
O evento comezará ás 17:00 cunha andaina musical a cargo de Ce Orquestra Pantasma. Un percorrido de un quilómetro ata a leira onde se procederá á recollida do millo. Unha vez alí, toda a xente participará na carga do podón coa espiga no carro de bois e despois todos xuntos emprenderán de novo o camiño de volta. No lugar da festa, emprazada ao carón dun muíño rehabilitado, procedérase a esfollar o millo separando as espigas e trasladarase o gran ao hórreo. Os veciños máis maiores da parroquia participan en todo o proceso e o explicarán aos máis novos, pois o obxectivo desta celebración é o de transmitir estes coñecementos e achegar as novas xeracións á terra. As cantareiras Bouzacova amenizarán a esfollada cos seus cánticos e a partir das 20:00 Asacocirco ten preparado un espectáculo infantil con teatro e malabares que de ben seguro fascinará aos pequenos. A partir das 21:00 horas terá lugar un bingo musical no que as risas están aseguradas. Pois trátase dun bingo moi singular no que non se cantarán só as liñas senón que será un bingo karaoke. La Chata Soul ás 22:00 e Os Putos ás 23:00 serán os encargados de pechar a festa.
Unha moi boa oportunidade para achegarnos á natureza da que cada vez estamos máis desligadas e coñecer as labores do campo de primeira man.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024