PORTAMERICA
REVISTA NADAL

O Freixo Rock fará bailar a Vigo a ritmo de punk e ska

Durante os días 14 e 15 de setembro o barrio de Freixo, en Valadares, convertirase por dereito propio na capital galega do punk e do ska. A base de moito traballo, este festival autoxestionado consegue reunir de novo a grandes nomes do panorama galego e estatal. 

O Freixo Rock non é un festival calquera, xa que as súas orixes remóntanse aos anos 90 e sempre que se fixo (retomou a súa actividade no 2014 tras algúns anos en branco) foi de maneira autofinanciada. O festival, de carácter bienal, consegue a súa financiación a base de actividades durante todo o ano: postos na Reconquista e na Brincadeira, bingos, concursos de curtametraxes, a Andaina Terrorífica, baixada de carros de bólas…

Esta fin de semana todos estes esforzos terán a súa recompensa con esta nova edición do Freixo Rock, que traerá a este barrio de Valadares a grupos como Josetxu Piperrak, The Skarnivals, Maskarpone ou Radiocrimen. Desde a organización seguen fieis á liña punk e ska que sempre tivo o festival desde os seus inicios. Outros grupos que atoparemos serán Os Vacalouras, Arkada Social, Demencia Sonora, Skakeitane, Os Rosmóns e Falperrys. Un cartel formado por grupos da terra e outros tantos vascos.

O sábado, para ir quecendo motores antes dos concertos, haberá unha sesión de zumba a cargo de Toni Pilates. O festival terá lugar, ao igual que nas anteriores edicións, no campo de fútbol situado á beira do local da asociación de veciñas e veciños de Freixo, rodeado de natureza e no alto de Vigo. Haberá unha zona de acampada xusto ao lado para as e os asistentes ao festival, ademais dunha gran carpa por se o tempo non acompañara. Por último, destacar que a entrada ao recinto terá un custe de 2€, con consumición incluída. Se saíches e queres volver entrar, terás que aboar de novo esta cantidade, con dereito a unha nova bebida.

O ska e o punk seguirán tendo en Freixo o seu fogar, cun festival que este ano presenta o seu cartel máis ambicioso. Se o tempo e os cartos o permiten, é posible que na próxima edición incorporen algún tipo de actividade infantil, para abrir o evento ás familias.

VINA COSTEIRA

(GMT+01:00) A. VV. O Freixo