O Museo do Mar convertido en escenario de vangarda
Estes días está a ter lugar o Festival do Mar, un evento promovido por Ensemble Galería no que a música, a danza, a improvisación e o humor mistúranse formando un espectáculo único. Todas as actividades son no Museo do Mar e durará ata o 11 de agosto.
O Festival do Mar arrancou o pasado día 5 de agosto cun concerto pedagóxico a cargo do dúo Acciaccatura, que levou aos cativos e cativas presentes a un viaxe pola linguaxe da música barroca. Unha historia contada a través dun violín e unha tiorba que buscaba espertar a imaxinación e a sensibilidade dos alí presentes e demostrarlles que a música clásica ou antiga fala das mesmas emocións de hoxe en día.
Hoxe, martes 7, ten lugar o primeiro LAB Concert, unha proposta novidosa e arriscada no que se fusionan música, danza e humor co fin de romper as barreiras impostas na música clásica, cun prezo de 8 euros na entrada xeral e de 5 no caso dos nenos/as e dos maiores de 65.
Os días 8, 9 e 10 de agosto chega o prato forte do Festival, o espectáculo Océano, coa sinfonía de “O novo mundo” de Dvorák. Un total de 45 músicos nacionais e internacionais interpretarán esta peza, mais non só musicalmente, senón tamén a través da danza, da improvisación e doutras formas de expresión artísticas. Un paso máis alá do home orquesta, unha sorte de artista interdisciplinar que ademais de tocar o seu instrumento baila, pinta, fai body painting, etc.
Ao haber aforo limitado no Museo do Mar, este espectáculo único se repartirá en tres sesións diferentes para que todo o que queira asistir á obra poida mercar a súa entrada. Para rematar, o sábado será o último LAB, no que haberá un trío de corda de Beethoven, unha obra para ventos de Strauss, unha sesión de improvisación cos bailarines na que colaborarán moitos artistas locais.
Un festival diferente e vangardista, absolutamente multidisciplinar, que pretende darlle visibilidade e valorar como merece o patrimonio cultural vigués e aos seus artistas, combinando o local coa presenza de solistas internacionais de alto nivel.