CAMELIAS MASCOTAS

Maná non pasa de moda

Este luns 23 desembarca en Vigo por todo o alto Maná, a banda de pop rock latino liderada por Fher Olvera. Non se lembra nestas terras a última vez que unha banda esgotou tan rapidamente as 5.000 localidades de pago de Castrelos, o que demostra a paixón que o grupo mexicano levanta na nosa cidade e aveciña o que será un cheo absoluto no auditorio. 

Onte sábado 21 en Ávila, Maná estreou a súa xira española, parte do seu Latin Power Tour, que terá como segunda parada Vigo, ás 23:00 no Auditorio de Castrelos. As 5.000 entradas levan semanas esgotadas, pero o concerto poderá verse de forma gratuíta desde as bancadas, como é habitual no recinto. O Concello ten preparadas algunhas medidas para facilitar o tráfico de xente neste macroevento, como son as numerosas lanzadeiras de volta ou o corte da rúa que atravesa o Parque de Castrelos.

A banda fundouse en Gudalajara (México) en 1987, e durante 30 anos de carreira levan sacados ao mercado 9 discos de estudo máis numerosos álbums en directo e recopilatorios, nos que están incluídas as decenas de éxitos globais como Labios compartidos, En el muelle de San Blas, Clavado en un bar, Eres mi religión, Mariposa traicionera, Vivir sin aire ou Rayando el sol.

REVISTA NOVEMBRO

Ademais da temática amorosa, pola que son máis coñecidos, nas súas letras están moi presentes temas como a desigualdade social, a inmigración ou a identidade do pobo latinoamericano. Esta é a primeira vez que pisan terras viguesas, xa que as súas anteriores visitas a Galicia foron á Coruña, Santiago e Cambados.

Vendo que as entradas para un concerto da banda noutros lugares, como por exemplo Xixón, rondan os 50 euros, é máis que probable que no Auditorio se reúnan máis persoas do habitual neste tipo de shows. Tras a actuación de Little Steven, Maná chega como o prato forte da programación deste ano de Vigo En Festas, con seguridade o concerto do millón de persoas que anunciou o alcalde o ano pasado.

Con 30 anos de traxectoria, decenas de éxitos mundiais e miles de concertos ás costas, visita a nosa cidade por primeira vez a banda referencia do pop rock latino. Un evento único que fará vibrar aos milleiros de persoas que se congreguen este luns en Castrelos. Un grupo que por moito que pasen os anos, non pasa de moda.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.