Smartes, cinema ao aire libre para crear conciecia
O ciclo de cinema sostible Smartes se celebrará de martes a xoves na rúa Londres, detrás do Museo Marco. Proxectaranse os filmes ‘Thank you for the rain’, ‘The islands and the whales’ e ‘River Blue’. O acceso é gratuíto.
A vindeira semana terá lugar unha nova tempada de Smartes, o festival de cinema sostible. Pero nesta ocasión mudan o Auditorio do Concello polas sesións ao aire libre. Smartes pretende que miremos de forma diferente ao mundo, que reflexionemos sobre a forma de relacionarnos co planeta, o respecto á vida e as desigualdades proxectando documentais premiados en diferentes festivais internacionais de cine medioambiental e social aos que habitualmente non temos acceso nas salas comerciais.
Nesta ocasión proxectaranse tres filmes entre o martes 17 e o xoves 19 ás 22:00 na rúa Londres, detrás do Museo Marco. Todos eles foron premiados no Another Way Film Festival. O primeiro en se proxectar será Thank you for the rain (premio do xurado), o martes 16, a través do que vemos como un agricultor kenyano comeza a usar a súa cámara para capturar a vida da súa familia e os danos causados polo cambio climático na súa aldea. O mércores 17, poderemos disfrutar do filme The Islands and the whales (premio do público sección oficial), que conta como os cazadores de baleas das Illas Feroe consideran que a caza é vital para o seu modo de vida, pero un profesor local fai un descubrimento sobre a contaminación mariña e como as modificacións ambientais ameazan a súa forma de vida. A cinta escollida para o xoves 18 é River Blue (premio do público sección impacto) un documental que mostra o desastre ecolóxico que oculta a industria da moda, informando sobre a contaminación dos ríos debido ao aumento das chamadas moda rápida e as cadeas de roupa de baixo custo.
Esta iniciativa gratuíta parte da campaña Impórtanos, do Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade do Concello de Vigo que pretende achegarnos aos grandes retos globais que nos implican a todos e todas: a sostibilidade, a desigualdade, a globalización.