CASAACUNHA

24 horas de fotografía no XXIV Maratón Fotográfico

Un ano máis, e xa van 24, a Agrupación Fotográfica Galega convoca unha nova edición do Maratón Fotográfico. Este concurso é xa un clásico entre os amantes da fotografía en Vigo, que se celebrará os próximos 28 e 29 de setembro ao longo de 24 horas. Ademais existe un concurso paralelo en instagram que remata este domingo 22 ás 00:00h.

Poucos eventos culturais da cidade deben continuar en activo despois de 24 anos ininterrompidos, como é o caso do Maratón Fotográfico, que se celebrará os próximos 28 e 29 de setembro durante 24 horas. Este ano contamos como novidades coa incorporación de novos patrocinadores, tanto locais: Vitrasa, Reizentolo, Woodtown como de marcas fotográficas: Canon, Olympus, Profoto, Sigma, González Almacén. Todos eles súmanse aos que xa participaron en anos anteriores.

Banner A Movidiña

Outra das novidades é o I Maratón Fotográfico no Instagram, dirixido ao público máis novo pero aberto ao todo o mundo, no que existen tres categorías: xente, paisaxe e branco e negro. Todas elas deben ter como eixo central á cidade de Vigo. Polo de agora xa se recibiron unhas 100 propostas, e o prazo remata este domingo 22 ás 00:00h. Podes consultar as bases aquí.

A dinámica do Maratón é a seguinte: os participantes dispoñerán de 24 horas para fotografar catro temas propostos pola organización, que serán segredos ata o momento da saída. Durante ese tempo deberán facer uso de todas as súas habilidades creativas para reflectir nunha imaxe o que lle suxirán os temas. Con esas catro fotografías, unha por tema, que entreguen os participantes 24 horas despois da saída, e tras un proceso de selección, farase unha exposición no Museo MARCO, como xa se fixo o ano pasado.

Poderán participar todas aquelas persoas maiores de catorce anos que formalicen a súa inscrición o día do maratón na Cafetería Sifón, na rúa do Doutor Cadaval 5, (na praza do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia) entre as 12:00 e 12:45h do sábado 28 de setembro. Tamén se poderá facer unha preinscrición online cubrindo o formulario disposto na páxina web.  Esta inscrición deberá formalizarse co pagamento da cota, no horario anteriormente mencionado, o día do maratón. Os participantes deberán aboar a cantidade de 10 euros, en concepto de inscrición. Desde a organización confían en poder chegar ás 150 inscricións nesta edición.

(GMT+01:00) Sifón