REVISTA ABRIL

10 grandes concertos internacionais que puidemos gozar en Vigo

A nosa cidade sen concertos non é a mesma. É como ver unha película co volume ao 0. Ademais dunha potentísima e variada escena local da que desfrutabamos cada semana, polos diferentes grandes escenarios da urbe pasaron artistas internacionais de primeirísimo nivel. Quedan fóra da selección artistas tan importantes como Van Morrison, Santana, Iggy Pop, Wilco, Dire Straits, REM, Public Enemy, Mike Oldfield, Supertramp, Anthrax, Scorpions, Simple Minds, Status Quo, Jamiroquai, The Pretenders, Placebo, Frank Ferdinand, Elvis Costello ou Pet Shop Boys, por mencionar só algúns.

Fotografía mítica de Oasis durante un concerto en Knebworth, Inglaterra, en 1996.

MADONNA – Balaídos, 1990

A raíña do pop chegou ao estadio municipal co seu The Blonde Ambition World Tour que, segundo os expertos, cambiou para sempre a concepción das xiras mundiais pola súa innovación e espectacularidade. Na memoria colectiva queda esa imaxe da artista de Michigan coa camisola do Celta, quen presentaba daquelas o álbum Like a Prayer. Case nada.

RAMONES – As Travesas, 1991

Nos anos 90 os Ramones estaban a dar os seus últimos coletazos como banda. A Vigo chegaron cunha formación mermada, xa sen Dee Dee e Tommy Ramone, dous dos membros fundadores. O espazo tampouco foi o mellor: As Travesas non deixa de ser un pavillón deportivo, por moito que montes un escenario nel. A banda de punk estadounidense interpretou 35 cancións en pouco máis dunha hora, unha plusmarca que non debe estar afastada do record mundial.

THE ROLLING STONES – Balaídos, 1998

Os Stones son unha das bandas imprescindibles da historia do rock desde a súa formación hai seis décadas. Foron uns dos protagonistas da famosa Invasión Británica xunto cos Beatles ou os Kinks, dándolle un estilo propio ao blues e ao RnB estadounidense dos anos 50. A Balaídos chegaron xa convertidos en estrelas, cun macro espectáculo no que, con seguridade, os case 40.000 asistentes ficaron coa boca aberta.

DEEP PURPLE – Castrelos, 1998

A banda británica é unha das culpable de crear o son que hoxe chamamos heavy metal. Fundada a finais dos anos 60, xunto con Black Sabbath e Led Zeppelin definiron un xénero musical, algo do que moi poucos poden presumir. A formación que visitou Vigo contiña a varios membros da que é considerada como a mellor etapa de Deep Purple, comunmente chamada Mark II: Ian Gillan, Roger Glover, Ian Paice e Jon Lord, quen pouco despois abandonaría a banda. Por desgraza, faltaba o xenial guitarrista Ritchie Blackmore, con Steve Morse ocupando o seu lugar.

METALLICA – Castrelos, 1999

Notabase que era ano Xacobeo e que se apostou forte por traer a unha das bandas de metal máis importantes do mundo. Ben é certo que non pasaban polo seu mellor momento a nivel discográfico, tras unha década inicial inapelable. Iso non quita que os directos da banda angelina sexan demoledores, nos que tocan as súas canción míticas aínda máis rápido que na versión de estudio.

OASIS – Castrelos, 2002

Oasis naceu a comezos dos 90 en Manchester, e bastáronlle dous discos para converterse nas maiores rockstars do mundo. A partir de aí, a súa traxectoria foi desinflando, con discos menos memorables e, sobre todo, pola conflitiva relación entre os seus líderes, os irmáns Noel e Liam Gallagher. A Vigo chegaron despois dun concerto decepcionante en Mallorca e dunha cancelación en Salamanca por suposta “farinxite” do cantante. Parece que a cousa foi mellor en Vigo, onde interpretaron case unha vintena das súas cancións.

ARCTIC MONKEYS – Castrelos, 2007

Máis de 20.000 persoas, moitas chegadas desde fóra de Galicia, gozaron do concerto do cuarteto de Sheffield. Tras dous discos refrescantes e con garra, os ingleses xa eran estrelas mundiais no 2007. Por iso resulta curioso que, segundo contan, a tarde antes do concerto a pasaran xogando ao fútbol nas inmediacións do auditorio, no parque de Castrelos, sen que ninguén se decatase. A banda liderada por Alex Turner non decepcionou aos alí presentes.

BOB DYLAN – Ifevi, 2008

O xenio de Minnesota fixo parada co seu Never Ending Tour en Vigo, concretamente no recinto ferial do IFEVI. Poucos anos atrás publicara Modern Times (2006), un dos mellores discos da súa carreira (que xa é dicir), pechando unha triloxía redonda que o sacou do ostracisimo que vivira nos 90 e parte dos 80. Como vén sendo habitual nel, comezou puntual, interpetou as súas cancións sen artificios e marchou de volta ao autobús sen mediar palabra co público.

LEONARD COHEN – Castrelos, 2009

REVISTA ABRIL

A pesar de que personalmente non estaba a pasar o seu mellor momento tras ser estafado pola súa manager, Leonard Cohen viviu uns últimos anos a un nivel compositivo excepcional. Naquel 2009 aínda non sacara Old Ideas, o primeiro disco da súa espectacular triloxía de despedida. Era a súa primeira xira en 15 anos, pero o canadiense mantiña intacta a súa elegancia e a súa voz cada vez tornaba máis profunda e cavernosa. Non é a alegría da horta, é certo, pero é sen dúbida un músico incomparable.

MOTÖRHEAD – As Travesas, 2010

Igual que pasou cos Ramones, os seguidores de Motörhead tiveron que conformarse con ver ao icónico trío nun pavillón. A banda chegaba cunha formación sólida tras moitos anos sen cambiar: Mikkey Dee, Phil Campbell e, por suposto, Lemmy Kilmister, cuxo último concerto antes de finar en 2015 foi en Galicia (no Resurrection Fest). O bo destes británicos é que sabes moi ben que esperar: caña e máis caña, sen concesións. Entre as súas peticións para o camerino atopamos Jack Daniels, bombonas de osíxeno e ovos Kinder. Xa coñecemos o dito: sexo, Kinder e rock n roll.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.