REVISTA MAIO

Nace Beiramar da Xente, a plataforma que defende o patrimonio industrial vigués

A plataforma Beiramar da xente, composta por oito colectivos sociais de Vigo, convoca para este domingo 16 de xuño pola mañá, un paseo reivindicativo polas naves abandonadas do Berbés, un dos principais polígonos insdustriais da cidade. Durante o paseo daranse a coñecer as propostas da plataforma para conservar o patrimonio industrial da ribeira viguesa.

Dende a plataforma Beiramar Da Xente, convocan á cidadanía de Vigo e comarca a un roteiro reivindicativo o vindeiro domingo 16 de xuño, con saída ás 11:00h desde a factoría Alfageme de Bouzas e final na praza do auditorio Mar de Vigo. Estará guiado por integrantes de Amigas das Árbores, Anxo Vila (A. V. Curva de San Gregorio), David Amoedo (Tranvías Eléctricos de Vigo e As da Industria), Mariña López (Museo da Conserva) e Puri Pérez Leiros (Bouzas olladas salgadas).

O percorrido terá carácter informativo e reivindicativo. Durante o paseo daranse a coñecer algúns dos fitos e elementos máis representativos do patrimonio industrial da nosa cidade e colocaranse placas informativas nalgúns dos inmobles máis destacados do percorrido, como as antigas fábricas de Alfageme, Cardama, Cerqueira, Barreras, Fribesa e Frigodis. Os organizadores convídanos a acudir con pancartas e carteis para convertir o paseo formativo nunha acción evidentemente reivindicativa.

A plataforma, de recente creación, loita por conservar o patrimonio industrial do polígono de Beiramar-Jacinto Benavente, ao consideralo parte dos maiores fitos da cidade, referente no desenvolvemento do frío industrial e as conservas a nivel global. Son varias as propostas lanzadas desde Beirmar da Xente nas últimas semanas para dotar de uso as naves abandonadas, aproveitando a inminente aprovación do próximo PXOM. Por unha banda, propoñen converter La Artística na Biblioteca do Estado e a fábrica de Alfageme no Vigo Arena. Tamén propoñen aproveitar todo o espazo das industrias do frío do Berbés para a construcción de vivendas, ampliación da Escola de Enxeñería, construír unha residencia de estudantes e o Centro de Negocios e Innovación da economía azul e da pesca. Todos estes proxectos atópanse moi detallados na web da plataforma.

Proposta de distribución para La Artística | Beiramar da xente
Proposta de distribución para Alfageme | Beiramar da xente

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.