VIALIA
Encordass Fiddle Fest

Música electrónica nun xardín botánico: a proposta de snAAck Galicia

snAAck Galicia chega á Fundación Sales o próximo xoves 27 cun evento cultural para todos os públicos que contará con música electrónica, mercado, talleres, arte e gastronomía. As entradas anticipadas xa están dispoñibles desde 10 euros premendo aquí.

A gran variedade de flora presente no xardín botánico será testemuña dun novo evento cultural na Fundación Sales. Falamos da proposta de snAAck Galicia, dirixida para todos os públicos e que conta con música electrónica, mercado, talleres, arte e gastronomía. A data escollida é o próximo xoves 27 de xuño de 17:30 a 23:15 da noite.

A música electrónica corre a cargo de Tropical Boy, Cristian Penelas e María Vilas; a zona de exposicións acolle as fotografías e ilustracións de David Lodeiro; As Lolas encárgase da parte gastro e dos cócteles; no mercado as propostas artísticas e vintage de Coco y Lobo, La Jirafa Azul e Le Carmín Vintage. Por último, nas actividades infantís atopamos o contacontos Antela Cid e o obradoiro de slime con Cecilia Vázquez.

Tropical Boy | Cedida

Toda esta programación, que se pode realizar igualmente no invernadoiro en caso de chuvia, ten un custe de 10 euros coa entrada anticipada e de 13 euros na porta. Podes adquirir a túa entrada anticipada premendo aquí. Os menores de 14 anos teñen entrada gratuíta.

REVISTA MAIO

Detras de snAAck Galicia atópanse  Bego Arana e Cristian Penelas, responsables de numerosos proxectos culturais na nosa cidade. A súa intención é poñer en valor un espazo tan fermoso como a Fundación Sales a través da cultura, polo que teñen pensado realizar un evento no xardín botánico cada mércores de verán, de xullo a setembro.