REVISTA MAIO

Entre fentos, fotografía con naturalidade

Xa son uns cantos anos os que leva vivindo Nair Romero cunha cámara nas mans, pero foi hai tres cando creou unha empresa para levar ao mundo das vodas o seu estilo natural que, nas súas palabras, foxe dos «posados artificiais».

Se botamos unha ollada rápida ao cartafol desta profesional, comprobamos que é certo: as parellas móstranse cómodas e relaxadas ante a presenza do mar ou da foresta. Alén das fotografías propias do casamento, Nair achega orixinalidade e frescura para as típicas sesións previas ás vodas: «Decatámonos de que eran sempre máis do mesmo; todo o mundo quería ir á praia ou a Cabo Home», relata a fotógrafa.

Para captar a naturalidade, propón que as parellas realicen unha actividade divertida namentres que o persoal de Entre Fentos os rexistran en foto e vídeo. Cómpre sinalar que dispoñen dun dron para os planos aéreos e dunha cámara somerxible para as actividades acuáticas.

Malia estar abertas a novas propostas, os paquetes preestablecidos consisten en visitar as Illas Cíes ou a Illa de Ons, navegar en caiac ou facer snorkel na Ría de Aldán, sucar a Ría de Vigo a bordo dun barco con almorzo ou merenda incluída, ou celebrar un pícnic nun lugar natural con vistas.

O mellor destas sesións é que non están reservadas só para as duplas que xa estean comprometidas, senón que tamén están dispoñibles para parellas sen intención de casar, así como para familiares e amizades que queiran algo para recordar.

entrefentos@gmail.com | 611 15 53 79 | @entrefentos

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.