REVISTA MAIO

A Sala Ártika celebra dez anos de resistencia e acción cultural

A Sala Ártika presenta programación de outono e festexa dez anos desde a apertura da sala, que consideran de “resistencia e acción”.

Fernanda Barrio e Marcos Alonso na Sala en 2019 | Foto: Pablo Vázquez

“Levamos dez anos formando, programando, resistindo e, sobre todo, apostando pola cultura galega e internacional”, así comezaba esta mañá Fernanda Barrio, codirectora da Sala Ártika, a presentación da nova tempada de teatro no espazo de Beiramar. A palabra resistencia volverá aparecer varias veces durante a súa intervención e na pantalla que ten detrás. Barrio comezou esta aventura xunto a Marcos Alonso en outubro de 2014, reacondicionando o inmoble que ata entón ocupaba a Sala A!, destinada á música, e creando unha das dúas (xunto a Ensalle, que abriu dez anos antes) salas de teatro privadas que contan con programación estable en Vigo.

Ano a ano o proxecto consolídase e amplíase, convertíndose nun lugar importante para as artes escénicas en Vigo, pese a non estar no centro da cidade. “Para min a localización é perfecta; estamos onde debemos estar, coa clase traballadora, aquí sentímonos ben”, reflexiona Alonso, referíndose á industria náutica e do metal que rodea o seu negocio. Pese a ser os seus propios xefes, Barrio e Alonso son obreiros da inustria cultural que, levan unha década traballando arreo por sacar a flote a sala privada máis grande da cidade sen recibir apenas axuda do Concello de Vigo, ao que consideran excesivamente pudoroso á hora de apoiar as artes escénicas profesionais. “Forza, chicos, se desaparece a Ártika, que nos queda?”, despídese deles un coñecido dramaturgo e crítico tras o acto de presentación.

Ademáis de programar durante oito meses ao ano, parando durante o verán, Ártika é tamén unha escola de danza e teatro e, desde hai catro anos, unha compañía de teatro familiar que leva xa tres espectáculos estreados: A illa da deslembraza, Mosca e Pum pum!, quen hai?. Esta última é unha comedia musical para a primeria infancia coa que levan xa máis de 60 funcións escolares este ano. Esta diversificación da actividade permítelles acadar maior incidencia na poboación e crear unha rede de apoio e públicos cada vez máis ampla e forte.

Non foi unha década doada e o factor económico é a primeira dificultade que mencionan. “O que máis nos gustaría sería poder pagarlle o caché completo ás compañías”, di Fernanda, que explica que os grupos que vemos en Ártika cobran un fixo por fin de semana, ademáis de negociarse unha parte das entradas. Isto garante que ningunha das partes perda cartos, pero os número non sempre dan a final de mes, especialmente despois da Covid. A sala sobreviviu grazas a petición dun crédito, polo que aínda están cubrindo o burato da pandemia, que os obrigou a pechar durante meses e abrir durante case un ano con aforo reducido. “Custou, pero agora mesmo xa estam, case ao nivel de antes da pandemaia”, resolve Marcos.

Programación de setembro a decembro

A programación do segundo semestre, que comeza tras o verán, estará fortmada por 42 respresentacións de 29 compañías e agrupada en tres grandes bloques. Continúan co formato habitual de programar o mesmo espectáculo durante sábado e domingo. Isto permítelles poder contar con espectáculos que precisan de escenografía e montaxe aparatoso, exprimindo todo o potencial técnico da sala. “Queremos que a compañía poida montar en Ártika o espectáculo tal e como o pensou, con todos os detalles de iluminación e son e iso non é posible na multiprogramación”, expón Marcos.

A nova tempada dará comezo o 6 de setembro coa realización do circuíto FEGATEA de teatro amador organizado pola compañía Fauna 113, creada na propia Sala Ártika. Ese mesmo mes contarán con dous espectáculos que chegan desde a Rede de Teatro Alternativos: a peza de teatro experimental Rumbo a Farout, da compañía murciana Onírica Mecánica; e a danza familiar Blink Magic, dos cataláns Blink Flash. Ambos espectáculos é “difícil que se vexan de novo en Vigo e en Galicia”, explica Barrio.

Volveremos rir co ciclo Comediártiko, que chega á súa quinta edición con nove espectáculos de comedia entre outubro e decembro. O ciclo abrirá o 19 de outubro coa aclamada Paella, dos madrileños Tarambana e tamén contará con Neura, de De Ste Xeito Producións (Galicia), Charco a la vista, de Compañía Utopian (Euskadi) , As que limpan, de A panadaría
(Galicia) e ¿Y ahora qué? dos andaluces Producciones Circulares.

Coincidindo coas vacacións de Nadal os pequenos da casa poderán desfrutar do X Festival Pequeártiko de Nadal, un ciclo queconta cada vez cunha mellor acollida, tanto entre as compañías que presentan os seus espectáculos para participar nel como entre o público asistente.

Por último, cabe destacar a estrea do espectáculo da compañía Ártíka CIA Non pasarán, que terá lugar no mes de novembro. A programación a completa as compañías galegas Redrum e Ibuprofeno teatro que se suman tamén cos espectáculos Pequeno poni e Smoke on the whater. Provisional danza, premio nacional de danza en 2007, chegará en decembro co espectáculo Seguimos enteras.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.