CAMELIAS MASCOTAS

Xosé Luís Otero pecha o ciclo Metrópole co seu ‘Atlas de Soidade’

Hoxe inaugurouse a cuarta e última exposición do ciclo Metrópole, Atlas de Soidade do ourensán Xosé Luís Otero, unha mostra que inclúe obras escultóricas e pictóricas de recente creación e realizadas exclusivamente para esta exposición. A partir da seriación o artista logra confeccionar o paisaxístico pano de fondo da súa propia traxectoria vital. Poderá verse ta o15 de setembro no primeiro andar do museo.

Coa mostra de Xosé Luís Otero, a serie de exposicións Metrópole, comisariada por Rubén Martínez Alonso, chega á súa última etapa. Este ciclo naceu cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metropolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. A proposta comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado. As outras tres foron Piedra Filosofal de Xosé Manuel Castro, Rara Avis de Santiago Montes e A Árbore da Vida de Álvaro de la Vega.

A proposta de Xosé Luís Otero para a cuarta achega do ciclo participa das dúas disciplinas clave na formación e posterior traxectoria do artista: a pictórica e a escultórica. Así, nas súas instalacións, a paisaxe, o xénero tradicional do que bota man na pintura protoabstracta dos seus comezos, vai cobrar unha nova dimensión, convertida xa en leitmotiv dun universo con dous polos: rural e urbano. Cumprindo unha vez máis cos propósitos de Metrópole, a exposición inclúe unha selección de obras de nova produción baixo o título Atlas de soidade, pezas todas elas realizadas nos últimos meses especificamente para esta mostra e para este lugar.

En palabras de Rubén Martínez, comisario da exposición, trátase “dunha paisaxe redebuxada, reestruturada, modificada e desnaturalizada, un proceso este que logra convertela en concepto básico da mesma, en construción mental. Unha paisaxe sen vida, imperturbable ao paso do tempo, erixindo Otero, paradoxalmente, unha sólida estética da destrución“.

REVISTA NOVEMBRO

Sobre a serie O Home Devorador, formada por catro pezas que teñen ao vermello como protagonista, di que “para Otero, a conduta antisocial e destrutora é masculina. O ancestral depredador da Nai Terra, o salvaxe violador do útero materno, a explosión do líquido amniótico, a incólume e vitoriosa herdanza atávica. Un acto de incontrolable forza machista que comparte coa humanidade a súa orixe, avanzando canda ela. Unha devastadora colonización do planeta que fai deste vítima do crime máis estendido, tolerado e impune de todos cantos se cometeron”.

Xosé Luís Otero (Nocelo da Pena, Ourense, 1966) desenvolve a súa actividade artística desde principios dos anos noventa, expoñendo en numerosas mostras individuais e colectivas, ao tempo que participa tamén en importantes feiras de arte nacionais e internacionais. Un desenvolvemento creativo o seu, dentro do ámbito da pintura contemporánea, que é o resultado dun proceso de investigación no que experimenta con novos materiais e texturas, arredor sempre dun concepto ou idea principal, fonte de inspiración e motora. A súa obra foi seleccionada en destacados certames e bienais, recibindo bolsas e premios, ademais de figurar entre os fondos de relevantes coleccións públicas e privadas.

A mostra estará dispoñible ata o 15 de setembro no primeiro andar do museo. Haberá visitas guiadas todos os días ás 18.00, e para grupos chamando ao 986 113900 ou ao 986 113904. Ata a mesma data estará a outra exposición do MARCO, os Destacados da Colección Telefónica, con obras de Picasso, Magritte, TàpiesChillida, Castelao ou Saura.

(GMT+01:00) Museo Marco