CASAACUNHA

Xesta Natureza propón trails de orientación nun formato novidoso

O Xesta Trail Series é un circuíto de carreiras de Trail nun formato novidoso nestes tempos tan cambiantes que nos tocou vivir debido á pandemia da COVID-19.  Un novo xeito de desenvolver carreiras de montaña (trails) na que as persoas participantes teñan independencia e autonomía total, entre xullo e setembro.

Xesta Natureza é un grupo de persoas apaixonadas pola natureza e o deporte, sobre todo pola Orientación, un deporte minoritario que queren facer chegar a todas aquelas persoas que aínda non o coñezan. Para estes tempos estraños que estamos a vivir, propoñen 3 emprazamentos, 6 carreiras e 2 distancias.

As zonas de carreira, para as categorías (curto/longo e feminino/masculino) serán os Montes de Coruxo, a Serra do Galiñeiro e a Serra da Groba. En canto se realice a inscrición, enviaranche un email con toda a información necesaria para levar o control de tempos. En principio será a través da app MapRunF, mais cabe a posibilidade de que tamén poida utilizarse Strava.

Banner A Movidiña

Entregarase unha camiseta de agasallo da organización para toda persoa gañadora de cada percorrido e categoría e un premio xeral (varias prendas e obxectos deportivos da organización) para o podio global dos tres percorridos (tanto feminino como masculino e percorridos curto e longo).

Non existirá en ningún momento contacto físico entre personas inscritas e organización, e os corredores deberán, para confirmar os resultados, descargar un track gpx e seguilo en todo momento. Poderanse correr de unha a tres carreiras, pero sempre na mesma categoría (curto ou longo). Os custes das inscricións varían en función do número de carreiras nas que participedes, pero serán a partir de 4€.

Podes contactar coa organización a través de info@xestanatureza.com ou do número 644567614. Para máis información e inscricións, visita a súa web.