Xanela, o retrato colectivo do COVID-19 no que podes participar

Estamos a vivir un momento histórico e desde a produtora Gancho Producións queren plasmalo cun proxecto audiovisual colectivo do que todos podemos formar parte. Só temos que enviar algunha imaxe, vídeo ou audio de voz do noso confinamento.

REVISTA VERAN

A produtora estradense Gancho Producións atópase inmersa nun novo proxecto no marco do actual período de illamento por mor do COVID-19. O colectivo audiovisual, que veñen de estar nomeados nos Premios Mestre Mateo, buscan plasmar o día a día da cidadanía neste estado de alarma, coa particularidade de que o proxecto documental, titulado Xanela, sexa conformado de xeito colaborativo a través das aportacións de todos aqueles que estean interesados e interesadas en formar parte do mesmo. “Buscamos crear un retrato colectivo da sociedade a través de experiencias extraídas da cotiandade, anécdotas e momentos que reflictan as nosas emocións nesta época tan singular e excepcional, da que non existen antecedentes previos”, indican desde a produtora.
O material audiovisual (que poden ser tanto imaxes, como vídeos ou arquivos de son) debe ser realizado durante o actual estado de alarma e contar cunha duración de entre un e seis minutos. Non existe límite de pezas a enviar por persoa, tendo en conta que o prazo para ser enviadas finalizará dúas semanas despois de que se poña fin ao estado de alarma decretado. Nas contas @xanela.documental en Instagram e Xanela Documental en Facebook, as persoas interesadas atoparán as instrucións necesarias para enviar os seus aportes. Desde Gancho inciden en que buscan a participación de persoas de todo o estado, e incluso doutros países que estean a sufrir este período de illamento forzoso. “Con Xanela queremos testemuñar o sentimento de empatía que se está xerando en todos nós, e o proxecto busca ser unha mostra desta sociedade conectada a pesar do llamento individual”, conclúe Gancho.