VIALIA
CAMELIAS NADAL

Xandra Táboas: “A arte existe para facernos pensar nas contradicións nas que nos vemos envoltas”

Xandra Táboas Martínez (Vigo, 1982) é creadora, crítica e investigadora escénica. As súas creacións, nas que emprega elementos como poesía, instalación ou artes do movemento e de acción, en conexión coa fotografía performativa e a videocreación, oriéntanse cara a unha perspectiva transversal e inclusiva de xénero, política e social, comunitaria e horizontal. Recentemente vén de gañar o XXIV Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu coa obra Dou aulas de ioga por videconferencia, asinada canda Adriam Mosqueira Paços, e publicada por Xerais.

Xandra Táboas no Calvario | P. Vázquez

Como definirías o teu camiño na poesía?

Atravesada pola performance.

Efectivamente, as túas creacións son sempre algo así como performances poéticas, pois mesturas a poesía máis pura coa música e co teatro. De que forma se imbrican?

Supoño que a través da creación de imaxes. A performance é pura acción, pode que dese xeito mesture o elemento acción na miña poesía. A música vai máis da man do ritmo interno dentro da escrita.

Todos os poetas parten de algo ao crear, dunha pulsión, dunha anécdota, dunha visión. De onde sae a túa inspiración?

Non o sei moi ben, depende do momento e da creación en si. Hai veces que parte dunha idea, concepto que pode xurdir dunha pulsión e logo xa se deixa unha ir dende as vísceras e a intuición. Máis nada é intuición pura, improvisada. Sempre as ideas, as imaxes, os sentires están aí. Pero á hora de saír, saen como sangue que brota. Outras, nin eu mesma sei porque escribo o que escribo, déixome levar e o ritmo fai o resto. Diríase que a base da miña escrita é ritmo. Ritmo que se constrúe dende a imaxe e o tacto que as palabras envolven.  

Buceando pola hemeroteca, atopo a Cicloxénese Cultural que promoveches na Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo aló polo 2014. Que supuxo esta acción?

Supuxo o que outras: botar a andar unha idea e ter o espazo para realizala e mostrala. As persoas que nos agarra unha ansia de crear imparable é o que pedimos, como mínimo, un deixar facer, e tempo e espazo para o facer.

Despois deches un paso adiante coa compañía Gravidade 0.0 e co colectivo As Ghatas Salvaxes, nos que promoves cultura revolucionaria. Que sentido teñen os espectáculos e que máis buscas con eles?

No fondo sempre late un cambiar o mundo, ou polo menos crear discursos que poñan en entredito este sistema capitalista dañino no que nos fan vivir. Todas as miñas creacións, para ben ou para mal, son unha sorte de mestura entre o artístico e político. 

Dicíame a poeta Nuria Vilán que lle gusta a poesía como “algo” de andar pola casa e non como un ente elevado. Estás de acordo con esta afirmación?

Nin de acordo nin en contra, cada quen ve na poesía ou na arte o que gusta ou procura. Non sabería dicir que é o que me gusta nin que é a poesía. Só sabería dicir que para min a arte, en todos os seus planos creativos, é unha ferramenta de expresión. E cada quen a emprega para a súa propia expresión. De aí que haxa artes, poesía moi variada, tanta como persoas poetas hai no mundo.

Acaba de saír do prelo Dou aulas de ioga por videoconferencia, un poemario que asinas a dúas mas con Adriam Mosqueira Paços, e co que gañastes o XXIV Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu. Como foi a creación entre os dous?

Foi puro experimento, tanto na súa forma como á hora de crear. Poderíase dicir que neste poemario a pulsión xunto co dadá fixeron seu traballo. Creamos a dúas mans durante a pandemia, a través do telegram, nun formato case conversacional e lúdico-reivindicativo. Senlheiro recén saira da cadea e ó mundo enteiro nos encerraran nas casas. Había algo aí que resoaba, unha raiba absurda, quizais. Non sabería dicir. As dúas puxémonos a facer sen pensalo moito, logo eu ordenei e reestructurei o que tiñamos, buscando sentir o pulso e o ritmo que pedía a creación no seu conxunto.

Abres o libro e atopas xa un primeiro verso que é toda unha declaración de intencións: “e a vivir que son 2 días, namais”. Por que comezar así, dunha forma que nos empuxa á acción?

Supoño que a vida, en si mesma, é acción, ou movemento. Neste sistema, a estas alturas do conto, se te paras, caducas. E hai que seguir para adiante, aínda que non saibas moi ben a onde te leva. É unha declaración un pouco irónica, porque o que máis cumpriría nestes tempos é un “párate e escoita”.

É un poemario que nace no confinamento, non si? Serviu para botar fóra certas sensacións provocadas por esta situación?

Serviu para botar fóra certas contradicións do ser humano inmerso neste sistema capitalista, ou se se quer, nesta vida que non ten máis sentido que vivila. Mais non do xeito que se di hai que vivila. As présas, o que son as présas, matan. E ese buscarse a vida continuo que non nos leva a ningures, só a perdernos máis.

Nel atopamos moitos recursos propios da oralidade, do humor máis noso. Era algo buscado? Como se combina falar de temas máis serios con outros máis lixeiros?

Somos pobo. Falamos como pobo. Pensamos como pobo.

Dise na contracapa que o libro trata “o noso tempo e o carácter deshumanizado da sociedade actual utilizando unha perspectiva actual e iconoclasta”. Ti cres que a poesía pode impulsar o cambio e a reflexión, non é así?

Un cambio non sei. Unha reflexión si. Por iso existe a arte: para facernos pensar nas contradicións nas que nos vemos envoltas.

Como creadora multidisciplinar, como ves ti a creación cultural na Galiza?

Bastante precaria, pouco valorada e menos reclamada como necesaria para a construción social dun pobo que se pensa. Creo que nun mundo onde se basea en vender-mercar, a arte ten moito que dicir sen ter que entrar no mercado de valores no que está e lle obrigan a estar.  

Estás a preparar algún espectáculo do que nos poidas avanzar algo?

CAMELIAS NADAL

Non, neste intre estou máis enfocada na fotografía e a creación de video. Aprendendo outras ferramentas de creación.

Esta sección é posible grazas á colaboración de Deleite

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Redactora