CASAACUNHA

Xa no cinema ‘Memorias de un hombre en pijama’, dirixida polo vigués Carlos Fernández

Esta semana estreouse Memorias de un hombre en pijama, unha adaptación da novela de Paco Roca, neste caso levada á gran pantalla polo director vigués Carlos Fernández, tamén coñecido como Carlos FerFer. 

Desde esta semana podemos ver Memorias de un hombre en pijama, unha película de animación dirixida polo vigués Carlos Fernández. A obra é unha adaptación da novela gráfica de Paco Roca, tamén autor da famosa Arrugas (2007). Esta foi levada ao cine en 2011 da man de Ignacio Ferreras, e en ambas adaptacións estaba tras a produción o galego e gañador de varios Premios Goya Ángel de la Cruz.

Falando dos Goya, a cinta de Carlos FerFer está nominada na categoría de Mellor Película de Animación, xunto coa hispano-polaca Un día más con vida, Azahar e Bikes. E todo isto a pesar de ter un recibimento bastante negativo por parte da crítica especializada, que a califica como “estereotipada”, “sen graza”, “simple” ou “desaliñada”.

Banner A Movidiña

O filme fala sobre Paco, un corentón solteiro empedernido que, na plenitude da súa vida, consegue o seu soño infantil: traballar desde casa e en pixama. Pero cando cría atopar o summum da felicidade, irrompe na súa vida Jilguero, a moza da que se namora e que terá que loitar por permanecer á beira dun home cuxo máximo obxectivo vital é quedarse na casa en pixama.

A voz del corre a cargo de Raúl Arévalo (que tamén aparece fisicamente no filme) e a de ela a cargo de María Castro. En canto á música, os encargados de crear as cancións foron Love of Lesbian, cos temas Chralize SolTherón e El astronauta que vio a Elvis. Podedes ler a entrevista que lle fixemos a Santi Balmes, cantante da banda que vai estar o vindeiro día 19 no García Barbón, na nosa revista de xaneiro.

O único sitio onde podemos ver esta película na nosa cidade é en Galicine, nos cines da Plaza Elíptica, e a partir do venres 11 estará só dispoñible nunha única sesión ás 20:00 horas.