CAMELIAS MASCOTAS

Xa coñecemos o palmarés completo do VIII Primavera do Cine

La felicidad de los perros, de David Hernández e Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, de João Salaviza e Renée Nader Messora gañan o premio do público a mellor longa galega e lusófona respectivamente. O xurado concede a La felicidad de los perros o premio á mellor longa galega e a Ico Costa o galardón á mellor longa lusófona por Alva. Ademais, Deslembro, de Flavia F. Castro obtivo a Mención Especial do Xurado.

Foto de familia co equipo de Festival, os premiados e a presentadora Bea Campos| Primavera do Cine

Despois de cinco días cheos das mellores obras galegas e lusófonas, diferentes actividades paralelas de gran éxito, como o Cine nos Barrios, coa proxección en Navia, o Casco Vello Alto e o Calvario de varias obras lusófonas, Viva Cuba, unha retrospectiva de cinema cubano ou Cine Miúdo, o Primavera do Cine despedirá a súa oitava edición cunha gala de clausura repleta de humor, música e cinema lusófono e moitas emocións.

A gala final comezou pasadas ás 19.00 no Auditorio do Concello cunha interpretación musical de Senza, unha banda portuguesa de Aveiro formada por Catarina Duarte e Nuno Caldeira que inspira as súas melodías nas viaxes que fan ao redor do mundo, para deixar paso a actriz galega Bea Campos, quen presentou de forma amena e dinámica a velada, poñendo un toque de humor.

Os primeiros galardóns en darse a coñecer e feitos polo artista Íñigo Almeida chegaron quince minutos despois de dar comezo o evento e foron o Premio Primavera do Cine á mellor curta lusófona, outorgado a Alison Zago por Narrativas de um crime, un filme que se centra na vida de dous policías de caracteres moi diferentes que teñen que traballar xuntos nunha escena dun crime e oPremio CREA á mellor curta galega onde Fran X. Rodríguez e a súa curta Beautiful Boy, unha historia sobre o consumismo, conseguiron alzarse co galardón.

Despois dunha pequena actuación de Senza, tocoulle o turno ao Premio Primavera do Cine ao mellor videoclip, que conseguiu o grupo musical Mileth, grazas a Bruma e salitre, feito por Xaime Miranda. Un director, que por certo, repite galardón por segundo ano consecutivo, xa que na edición anterior gañouno con Inferis, de Basanta. Uns minutos despois daríase a coñecer o Premio Primavera do Cine ao mellor traballo de animación por parte do público, que sería para Mónica Santos e Alice Guimarães por Entre sombras, unha cinta ambientada na cidade de O Porto e feita en imaxe real, pero rodada en stop motion.

Como conmemoración da irmandade Galego-Lusófona no Día da Lingua Portuguesa os asistentes gozaron dunha pequena interpretación teatral do grupo de teatro Amador do Instituto Camões que serviría coma introdución ao que viría a continuación: a proxección da curta O meu poeta, de Hugo Portela Larisch, que afonda no sentimento de saudade a través da música, a poesía e as lembranzas familiares.

Xa a piques de rematar a noite, o xurado profesional composto polo guionista e cineasta Alexandre Cancelo, Lola Correa, José Manuel López Anabel G. Penín, outorgaron os premios á mellor longa lusófona e á mellor longa galega, así coma unha mención especial no apartado de longas lusófonas. O Premio do Xurado Primavera do Cine á mellor longa lusófona a Alva, de Ico Costa, filme que que conta a historia dun crime e de como o seu protagonista decide agocharse nun bosque. Ademais, tamén se entrega unha Mención Especial do Xurado a Deslembro, de Flávia F. Castro.

Doutra banda, o Premio do Xurado Primavera do Cine á mellor longa galega foi outorgado a La felicidad de los perros, de David Hernández, quen tamén gañou o premio Premio do Público. A cinta ten como transfondo a crise económica e relata o complicado que é ter proxectos de vida e que, sen dúbida, cautivou tanto o público coma o xurado profesional.

O tan ansiado Premio do Público Primavera do Cine á mellor longa lusa foi para Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, de João Salaviza e Renée Nader Messora, un filme que explora a vida dun mozo, Ihjãc, pertencente a unha tribo indíxena do norte do Brasil e de como escapa a cidade para fuxir do seu destino de converterse en chamán.

Finalmente, o director do festival, Juan de Castro pechou a gala cun discurso final. Nel quixo destacar que a oitava edición do Primavera do Cine “foi unha edición marabillosa no que os filmes da sección oficial gustaron moitísimo” e continuou dicindo que, pese as carencias “nunca tan pouco e con tan pouco fixeron un gran programa coma o deste ano”.

PALMARÉS COMPLETO

Premio do Público Primavera do Cine á mellor curta lusófona: Narrativas de um crime, (2017) de Alison Zago.

Premio CREA á mellor curta galega: Beautiful Boy (2018), de Fran X. Rodríguez.

Premio Primavera do Cine á mellor curta de animación: Entre sombras (2018), de Mónica Santos e Alice Guimarães.

Premio Primavera do Cine á mellor longa lusófona: Chuva é cantoria na aldeia dos mortos (2018), de João Salaviza e Renée Nader Messora.

Premio Primavera do Cine á mellor longa galega: La felicidad de los perros (2018), de David Hernández.

Premio Primavera do Cine ao mellor videoclip: De bruma e salitre, do grupo Mileth e dirixido por Xaime Miranda.

REVISTA NOVEMBRO

Premio do Xurado á mellor longa lusófona: Alva (2019), de Ico Costa.

Premio do Xurado á mellor longa galega: La felicidad de los perros (2018), de David Hernández.

Mención Especial do Xurado: Deslembro (2018) de Flávia F. Castro.