Xa coñecemos máis novidades do Marisquiño
Pouco a pouco imos coñecendo máis sobre o evento urbano do ano, neste caso os horarios das probas, localización dos escenarios e pistas e atletas participantes. O skate será o eixo deste Marisquiño e a gran novidade o basket 3×3.
Hoxe tivo lugar no mesmo Náutico a presentación oficial do Marisquiño, coa presenza do Alcalde, da Presidenta da Deputación, do Delegado da Zona Franca e do organizador do evento, quen confesou que os preparativos están indo vento en popa. Aínda que quedan algunhas sorpresas por desvelar, xa coñecemos case todo sobre este festival masivo que acollerá a miles de persoas entre o 10 e o 12 de agosto.
Como xa comentamos fai unha semana, O Marisquiño reunirá por primeira vez tres disciplinas olímpicas: skate, BMX e basket 3×3. Na primeira volve a World Cup Skateboarding, coas modalidades Street e Miniramp, polo que poderemos gozar dalgúns dos mellores deportistas do mundo, como Candy Jacobs, Ryo Sejiri, Danny León ou a novísima Keet Oldenbeuving, de só 11 anos.
En canto a BMX, o circuito será o mesmo que o do ano pasado, xa que recibiu reseñas moi positivas. Na modalidade de Flatland atopamos grandes nomes como os de Courage Adams e Kevin Nikulski, e na de Dirt Jump contaremos entre outros co número 1 mundial, o norteamericano Nicholi Rogatkin.
Na novidade deportiva deste ano, o Basket 3×3, competirán 16 equipos de todo o mundo, como por exemplo o Baymon CDR de Porto Rico e o Tartans de Canadá, ademais doutros nacionais e locais. Tamén contaremos coa presenza dun ex xogador da NBA, o polémico pivot californiano Robert Swift. Todos estes equipos competirán por un lugar para participar na proba Challenger de Berlín, que se celebrará en setembro.
Un dos atractivos de cada ano do festival é o descenso MTB Downtown polas rúas do Casco Vello, un espectáculo único e imprescindible pola súa emoción e espectacularidade. O circuito será o de sempre, mais a ubicación dos obstáculos vai cambiando, facendo así unha proba máis impredecible.
Ademais do deporte e da música, no Marisquiño poderemos atopar outras modalidades urbanas como o motocross (con algúns dos mellores deportistas do mundo) break dance ou o graffiti, que este ano contará con figuras de talla mundial aínda por desvelar. Tamén haberá actividades diurnas para nenos e nenas nas que achegar a arte urbana a través de talleres e deportes. Podes consultar todos os horarios aquí.