Volve o festival Vive Nigrán con novo formato e localización
Cando moitos pensaban que non se ía celebrar, o popular festival Vive Nigrán volve os días 9 e 10 de agosto ao concello veciño. As principais novidades son o cambio de localización, ao miradoiro de Monteferro, e a súa entrada de balde. Nestas dúas xornadas poderemos ver a artistas do nivel de Rufus T. Firefly, Arizona Baby ou Hey Hematoma.
O Concello de Nigrán mantén o Vive Nigrán e trasládao de Lourido ao miradoiro de Monteferro para cumprir máis que nunca coa premisa de ser un “Picnic-pop festival” de verán. Con este obxectivo, o evento pasa a ser gratuíto e terá lugar o 9 e 10 de agosto a partir das 19:30.
O cartel da primeira xornada está formado por Isius, Querido e Rufus T. Firefly; e Visions of Johanna, Arizona Baby e Hey Hematoma o da segunda. Como vemos, a programación é unha mestura entre artistas locais e do resto de España, e entre proxectos incipientes (como Querido ou Visions of Johanna) e outros con máis veteranía (véxase Hey Hematoma, novo grupo formado por exmembros de Siniestro Total — Miguel Costas, Javier Soto — e outros músicos experimentados).
Este cambio é debido a que a Deputación de Pontevedra excluíu por vez primeira desde o seu nacemento no 2017 ao festival da marca Rías Baixas Fest e, polo tanto, das devanditas axudas, asi que a organización viuse na obriga de mudar de formato e regresar a súa orixe máis familiar. “A pesar de que cumprimos estritamente as esixencias de calidade da Deputación e do noso arduo traballo para proxectar unha boa imaxe de Nigrán e das Rías Baixas como destino musical e cultural, non fomos incluídos”, lamenta Juan Rivas, director do Vive Nigrán. “A pesar destes desafíos, seguimos adiante cun espírito renovado e estamos encantados de anunciar a nova edición, que será máis Picnic Pop ca nunca. Este é un paso necesario para preservar a continuidade e consolidación do evento, polo que é unha oportunidade única de facer algo moi especial”, explica.