Volve o festival decano de Vigo, volve o Revoltallo
A Carballeira do Pedregal de Valadares vestirase de gala os días 10, 11 e 12 de setembro para albergar a XXVIII edición do Revoltallo, o festival máis lonxevo de Vigo. Artistas como Grande Amore, Cró!, Xan Campos Trío ou Holywater encherán de música as tres xornadas, nas que tamén haberá actividades familiares. Todo isto, ademais, de balde.
Será os días 10, 11 e 12 de setembro cando o Revoltallo poña ritmo á toda a cidade. Un ano máis, e xa van 28, prosigue a aposta da parroquia de Valladares pola música en galego e actividades para toda a familia, obradoiros e moita cultura coa celebración da XXVIII edición do Revoltallo, o festival máis lonxevo de Vigo e un dos históricos de Galicia. O festival ofrece música segura cun protocolo específico contra a Covid-19 e un novo formato, combinando sesións vermú e sesións solpor.
As propostas desta vixésimo oitava edición pasan polo rock, a música experimental, a electronica ou o pop en galego. Grupos e música para todos os gustos no entorno rural de Valadares. A Xuntanza Xuvenil mudou o plantexamento deste festival, convertindo o Revoltallo nunha cita para toda a familia nos diferentes espazos que oferta ao redor das instalacións do Centro Veciñal e Cultural de Valadares (O Pedregal). Os concertos, núcleo central do Revoltallo, terán lugar no espazo exterior do Centro Cultural de Valladares. Todas estas actividades, como sempre, serán de balde.
No apartado musical, na primeira xornada poderemos gozar de MJ Pérez, das versión rock de Los Naipes e dos lucenses Holywater, cun fin de festa aderezado coa electrónica experimental de Goaliza. O sábado 11 traerá a Lardelúa e Enxeito en sesión vermú e Bandallus Aquaticus, Babieca, Cró! e Grande Amore xa na sesión solpor. Para pechar, o DJ Paco Nonovo, fará o fin de festa. O domingo, a música trasladarase ao auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares con Xan Campos Trío e a música de Cernadas acompañada pola voz de Fransy González. Nas actividades familiares participarán Troula Animación, Orquesta Camarote, Tarabelos, Maxia na Manga e Donde viven los cuentos.