Vigosónico supera os 2500 participantes desde a reapertura e adianta novos obradoiros para 2025
Vigosónico vén de anunciar os cursos que acolle nos próximos meses. Desde a súa reapertura en 2023, preto de 2.500 participantes formaron parte das súas salas de ensaio, sesións de gravación e ampla oferta de lecer e formación. Consulta toda a información na súa web.
Vigosónico continúa a ofrecer unha interesante oferta formativa gratuíta á mocidade viguesa. O pasado ano, na súa academia de guitarra, batería, baixo e canto participaron máis de 300 alumnas e alumnos, mentres que no apartado de campus, que é como denominan ás clases maxistrais sobre un apartado en concreto, realizáronse 31 obradoiros con 597 participantes. Polas salas de ensaio pasaron máis dun centenar de bandas e no programa Demosónico, que permite gravar nun estudio profesional aos artistas emerxentes, alcanzáronse as 200 horas de gravacións.
Para este comezo de ano Vigosónico continúa na mesma liña que na temporada anterior. En xaneiro xa tiveron lugar dous cursos da man de Josete Villanueva e Pablo López. Estes son os obradoiros do primeiro semestre de 2025:
Curso Produción de Eventos Musicais e Festivais, por Iago Feijoo
Todos os venres de febreiro e o primeiro de marzo de 17:30 – 20:30 h
Como realizar o Rider da túa Banda e Facer unha Proba de Son, por Iago Feijoo
Xoves 21 de marzo ás19:00 h
Taller Avanzado de Gravación e Procesado de Voces, por Pablo López
Xoves 3 de abril ás 19:00 h
Taller Avanzado de Arranxos e Produción dun Tema antes de Gravar no Estudio, por Paco Serén
Venres, 11 de abril ás 10:00 h
Como participar en Demosónico?
A selección das bandas será baseada nun sistema que combina criterios obxectivos e avaliación profesional, garantindo un proceso xusto e equilibrado.
Os criterios inclúen:
- Prioridade para bandas locais: Bandas que ensaian en Vigosónico sumarán 10 puntos adicionais.
- Residencia en Vigo: Bandas cuxos membros esteann empadroados na cidade recibirán entre 2 e 5 puntos, dependendo do número de integrantes rexistrados.
- Xuventude musical: Bandas compostas por integrantes menores de 35 anos sumarán ata 5 puntos.
- Participación en obradoiros: A asistencia a obradoiros en “Campus Vigosónico” tamén conta.
- Creatividade e innovación: Temas propios e a ausencia de maquetas previas tamén outorgarán puntos adicionais.
Ademais, o persoal de Vigosónico empregará a súa experiencia e criterio profesional para avaliar aspectos clave, asignando o 20% da puntuación final.