Vigocultura trae 24 funcións a partir de final de mes
O programa de Vigocultura inclúe a 20 compañías, que realizarán un total de 24 funcións en 21 días de programación que se desenvolverá durante tres meses, desde a derradeira fin de semana de xaneiro e ata a última de abril. As entradas saen á venda este martes 11 de xaneiro, con opción a abonos á carta, nos que se poderán elixir 5 espectáculos cun 10% de desconto ou 10 cun 25%.
A programación comezará na rúa do Príncipe o venres 28 e o sábado 29 de xaneiro, co pasarrúas The Wolves da compañía La Fam Teatre. Un espectáculo recomendado por La Red Española de Teatros, con música en directo e zancudos no que catro brokers de Wall Street percorrerán o centro da cidade a ritmo de funky e onde desenvolverán unha peculiar xornada laboral.
Como é habitual, tamén haberá espazo para os nosos artistas. Dúas estreas mundiais de dúas compañías viguesas: Hotel Europa de Señora Supina e O Péndulo de Inversa Teatro; unha estrea en Galicia con Turistas de Meridional Producciones, e compañías de éxito como A panadaría, ArtesaCía Transmedia, Ibuprofeno Teatro, Teatro En Vilo ou Teatro Do Noroeste, e dous espectáculos de danza como o multipremiado Bailar agora de Marta Alonso ou DeMente de Fran Sieira, conformarán a oferta dos venres destinada ao público adulto.
A programación para público familiar que se desenvolve os domingos estará cargada de maxia, monicreques, circo, danza e, nesta ocasión, e ante a demanda do público, haberá dous espectáculos para bebés. Cris pequeña valiente de El Espejo Negro, abrirá a oferta para os máis cativos o domingo 6 de febreiro, cun espectáculo sobre a transexualidade infantil que recibiu no 2021 o Premio FETEN ao Mellor Espectáculo, o Premio Especial do Xurado de Palma del Río ou o Premio do Público da MIT Mostra Internacional de Teatro Ribadavia. Tarzán de MarMar Teatro, Sopa de piedras de Engruna Teatre, Las pequeñas cosas de LA MECANICA, o espectáculo de circo Isla de D’Click, a maxia de Dani Polo, e os espectáculos para bebés Os tres porquiños de Migallas Teatro e o de danza Pequeño Big Blue de Panicmap Proyectos Escénicos, completan este semestre de artes escénicas que rematará no mes de abril.
Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de entre 8 € e 15 € e os dirixidos ao público familiar, de 5 €. Como vén sendo habitual haberá abonos á carta, nos que se poderán elixir 5 espectáculos cun 10% de desconto ou 10 cun 25%. A venda de billetes e abonos comezará este martes 11 de xaneiro a través da web de Giglon e na librería Librouro.