REVISTA ABRIL

Vigo énchese de zombies no cómic ‘El último día’

O guionista vigués Fernando Llor e o debuxante Ángel Bernuy acaban de sacar á luz El último día, un cómic de xénero Z no que os zombies invaden a cidade olívica. A obra está baseada na novela do tamén vigués JP González.

Imaxe dunha das páxinas do cómic, na que podemos ver a pasarelam de A Laxe ou a Concatedral de Sª María

Se ben xa puidemos ler sobre un Vigo cheo de zombies no exitoso Apocalipsis Z do pontevedrés Manel Loureiro, agora poderemos velo por primeira vez. O guionista vigués Fernando Llor adapta unha novela de JP González para sacar ao mercado El último día, un cómic de xénero Z ilustrado por Ángel Bernuy e cor de José Amaro e Luis María Dumont. A encargada de publicar o título é a editorial asturiana The Rocketman Project e xa se pode mercar a través da súa web.

REVISTA ABRIL

O cómic conta unha trama na que Jota, un informático local, esperta despois dunha festa e a súa cidade está chea de zombies. Tratando de buscar unha explicación atópase cun grupo de militares que tratan de conter a situación e decide levalos ata o sitio máis seguro que coñece: a illa de Toralla, un punto cun só acceso fácil de bloquear.

Acción, conspiracións e moitas vísceras completan unha historia entretida e un thriller con varias sorpresas con varias localizacións moi coñecidas para todos os vigueses como a Praza de España, o peirao de transatlánticos, o Casco Vello ou a praia de Samil. Lugares emblemáticos que se enchen de mortos deambulantes.

Fernando Llor é un redactor, escritor e guionista profesional vigués con experiencia en distintos sectores como o audiovisual, o literario, os cómics e a redacción para páxinas web. Actualmente combina a escritura e a redacción de contidos na web Escribindo Cómics co seu traballo como docente de guión en O Garaxe Hermético, a escola profesional de cómic e ilustración de Pontevedra. Conta con nove publicacións no seu haber desde o 2014 ata a actualidade.